Premio Nobel polas súas "contribucións pioneiras á teoría dos superfluídos".
As sorprendentes propiedades do mundo cuántico adoitan producirse somentes a escala atómica, pero nos materiais supercondutores (que transportan unha corrente eléctrica sen perdas) e superfluidos (fluidos carentes de viscosidade) as súas singularidades son visibles a escala humana por seren manifestacións de fenómenos cuánticos na escala macroscópica. O mecanismo polo que adquiren estas inusuais propiedades baséase en que un gran número das partículas que forman o material entran nun estado colectivo, no que comparten unha función de onda cuántica común, estendida sobre lonxitudes macroscópicas. Isto leva, por exemplo, a que os superfluidos presenten viscosidade cero, ou os supercondutores resistencia eléctrica nula, nos dous casos debido á imposibilidade da función de onda colectiva de experimentar cambios continuos. Estas propiedades son importantes non só pola súa evidente posible aplicación na tecnoloxía e ciencia de materiais, senón porque proporcionan unha oportunidade única de estudar as características cuánticas "a simple vista".
O profesor Leggett proporcionou o marco teórico para a comprensión do fenómeno da superfluidez no Helio-3, un dos dous sistemas superfluidos coñecidos ata o momento.
Ademais desta contribución fundamental, a actividade do profesor Leggett abrangueu un rango particularmente amplo de temáticas da física da materia condensada. Destacan por exemplo as súas contribucións pioneiras para a compresión das interaccións entre sistemas cuánticos e macroscópicos, ou dos condensados de Bose-Einstein.
Conta ademais cunha notable formación humanística e interesouse profundamente por aspectos dos fundamentos das teorías físicas, tales como a completitude da mecánica cuántica na súa formulación actual.
Dende 1983 ocupa a prestixiosa cátedra MacArthur na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign. Tamén é catedrático do Centro de Estudos Avanzados da mesma Universidade. Entre os numerosos premios de primeira magnitude cos que ten sido galardoado durante a súa carreira, son destacables o premio Fritz London (IUPAP, 1981) ou o premio Wolf de Física (2003). Foi nomeado Cabaleiro pola raíña Isabel II "polos seus servizos á física" (2004). Continúa mantendo unha frutífera actividade investigadora, como o demostran por exemplo os seus recentes estudos sobre as posibilidades de ordenamento magnético de espíns en sistemas bidimensionais (2011).