Premio Nobel de Química en 2019 "polo desenvolvemento das baterías de ión-litio".
Michael Stanley Whittingham naceu en Nottingham (Reino Unido) en 1941. Graduouse e doutorouse en química na Universidade de Oxford, para logo realizar unha estadía postdoutoral na Universidade de Stanford. De alí pasou ao sector privado, nas petroleiras Exxon e Schlumberger ata que, en 1988, se fixo profesor na Universidade de Binghamton, un dos nodos que conforma a Universidade Estatal de Nova York, á que segue vinculado na actualidade e na que foi vicerreitor de investigación e vicepresidente da Fundación de Investigación.
Codirixiu o estudo do Departamento de Enerxía dos EE.UU. sobre almacenamento de enerxía e dirixe o centro de investigación de almacenamento de enerxía do programa de fronteiras de investigación do Departamento de Enerxía dos EE.UU. en Binghamton.
A súa investigación e un dos mellores exemplos de como un avance científico transformou e está a transformar a sociedade. O almacenamento de enerxía en baterías que se poidan recargar é un dos eixos nos que pivota o funcionamento da sociedade moderna. Nos anos 70 Whittingham deu un paso crucial cara á creación das actuais baterías que todos levamos nos nosos móbiles e outros dispositivos portátiles, e tamén as que se usan nos coches eléctricos. Conseguiu un innovador cátodo nunha batería de litio, feito de disulfuro de titanio, que a nivel molecular tiña espazos que podían acoller os ións do litio, a clave que permite as recargas.
Iso abriu a porta aos posteriores traballos de John B. Goodenough e Akira Yoshino, que completaron o desenvolvemento das actuais baterías recargables de ión-litio e compartiron con Whittingham o Nobel de Química de 2019.
John B. Goodenough tivo unha intensa relación docente e investigadora coa USC, na que foi investido Doutor Honoris Causa en 2002 a instancia da área de electromagnetismo do departamento de física aplicada.