Ir o contido principal

M. Stanley Whittingham, Nobel de Química 2019, visita a USC a vindeira semana no marco do programa ConCiencia

Michael Stanley Whittingham obtivo o Nobel de Química en 2019. FOTO: Lucas Peterka
Michael Stanley Whittingham obtivo o Nobel de Química en 2019. FOTO: Lucas Peterka
Pronunciará o relatorio titulado ‘Os desafíos que enfrontamos para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais’ o vindeiro xoves, 17 de novembro, ás 19.30 horas
Santiago de Compostela

O Premio Nobel de Química 2019 polo desenvolvemento das baterías de ión-litio, Michael Stanley Whittingham, visitará a USC do 15 ao 20 de novembro no marco do programa ConCiencia. Whittingham pronunciará o relatorio titulado ‘Os desafíos que enfrontamos para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais’ o xoves, 17 de novembro, ás 19.30 horas, no Auditorio Abanca (Rúa Preguntoiro, 23). Ademais, tamén intervirá no XXVI Encontro Galego-Portugués de Química.

“A súa investigación é un dos mellores exemplos de como un avance científico transformou e segue a transformar a sociedade”, explica o director do programa ConCiencia, Jorge Mira. “O almacenamento de enerxía en baterías que se poidan recargar é un dos eixos nos que pivota o funcionamento da sociedade moderna”, engade. Nos anos 70 Whittingham deu un paso crucial cara á creación das actuais baterías que se empregan nos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles, e tamén as que se usan nos coches eléctricos. Conseguiu un innovador cátodo nunha batería de litio, feito de disulfuro de titanio, que a nivel molecular tiña espazos que podían acoller os ións do litio, a clave que permite as recargas.

Esta achega abriu a porta aos posteriores traballos de John B. Goodenough e Akira Yoshino, que completaron o desenvolvemento das actuais baterías recargables de ión-litio e compartiron con Whittingham o Nobel de Química de 2019. De feito, John B. Goodenough tivo unha intensa relación docente e investigadora coa USC, na que foi investido doutor honoris causa en 2002 a instancia da área de Electromagnetismo do departamento de Física Aplicada e apadriñado polo profesor José Rivas Rey.

Traxectoria

Michael Stanley Whittingham naceu en Nottingham (Reino Unido) en 1941. Graduouse e doutorouse en química na Universidade de Oxford, para logo realizar unha estadía postdoutoral na Universidade de Stanford. De alí pasou ao sector privado, nas petroleiras Exxon e Schlumberger ata que, en 1988, se fixo profesor na Universidade de Binghamton, un dos nodos que conforma a Universidade Estatal de Nova York, á que segue vinculado na actualidade e na que foi vicerreitor de investigación e vicepresidente da Fundación de Investigación.

Codirixiu o estudo do Departamento de Enerxía dos EE.UU. sobre almacenamento de enerxía e dirixe o centro de investigación de almacenamento de enerxía do programa de fronteiras de investigación dese mesmo departamento en Binghamton.

Premio da Cultura Galega

Entre os anos 2006 e 2022, máis dunha trintena de premios Nobel aterraron na USC grazas ao programa ConCiencia que a institución compostelá desenvolve de xeito conxunto co Consorcio de Santiago. Os Premios da Cultura Galega que outorga a Xunta de Galicia recoñeceron, no pasado mes de outubro, a traxectoria consolidada deste programa da USC por ser “plataforma de lanzamento da imaxe de Galicia cara ao exterior en base ao seu talento”. Ademais dos premios Nobel, no marco do programa ConCiencia, teñen visitado a USC persoas galardoadas coa Medalla Fields outorgada pola Unión Matemática Internacional; o premio Abel, considerado como o Nobel das Matemáticas; e o premio Turing, o máis relevante no eido das Ciencias da Computación.

Este programa de divulgación científica procura non só a proxección da cidade de Compostela como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia científica mundial e o corpo de investigadores e investigadoras da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2022.