Ir o contido principal

Programa ConCiencia

Conferencia de M. Stanley Whittingham: "Os desafíos que enfrontamos para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais"

17.11.2022 | 19.30h

Auditorio Abanca (Preguntoiro, 23)
Santiago de Compostela

O Premio Nobel de Química 2019 ofrece na USC un relatorio ao abeiro do Programa ConCiencia

M. Stanley Whittingham impartirá en Compostela unha conferencia no marco do Programa ConCiencia
M. Stanley Whittingham impartirá en Compostela unha conferencia no marco do Programa ConCiencia

O investigador Michael Stanley Whittingham, Premio Nobel de Química en 2019 polo desenvolvemento das baterías de ión-litio, visitará a Universidade de Santiago de Compostela do 15 ao 20 de novembro. 

No curso desta visita, e no marco do Programa ConCiencia, impartirá unha conferencia aberta ao público xeral. Será o xoves 17 de novembro ás 19.30 horas no Auditorio Abanca e levará por título 'Os desafíos que enfrontamos para abordar os fenómenos meteorolóxicos extremos globais'

Ademais, o profesor da Universidade de Binghamton participará no Encontro Galego-Portugués de Química, que terá lugar na Facultade de Química da USC do 16 ao 18 de novembro.

Michael Stanley Whittingham

Michael Stanley Whittingham naceu en Nottingham (Reino Unido) en 1941. Graduouse e doutorouse en química na Universidade de Oxford, para logo realizar unha estadía posdoutoral na Universidade de Stanford. De alí pasou ao sector privado, nas petroleiras Exxon e Schlumberger ata que, en 1988, se fixo profesor na Universidade de Binghamton, un dos nodos que conforma a Universidade Estatal de Nova York, á que segue vinculado na actualidade e na que foi vicerreitor de investigación e vicepresidente da Fundación de Investigación.

Codirixiu o estudo do Departamento de Enerxía dos EE.UU. sobre almacenamento de enerxía e dirixe o centro de investigación de almacenamento de enerxía do programa de fronteiras de investigación do Departamento de Enerxía dos EE.UU. en Binghamton.

A súa investigación é un dos mellores exemplos de como un avance científico transformou e está a transformar a sociedade. O almacenamento de enerxía en baterías que se poidan recargar é un dos eixos nos que pivota o funcionamento da sociedade moderna. Nos anos 70 Whittingham deu un paso crucial cara á creación das actuais baterías que todos levamos nos nosos móbiles e outros dispositivos portátiles, e tamén as que se usan nos coches eléctricos. Conseguiu un innovador cátodo nunha batería de litio, feito de disulfuro de titanio, que a nivel molecular tiña espazos que podían acoller os ións do litio, a clave que permite as recargas.

Iso abriu a porta aos posteriores traballos de John B. Goodenough e Akira Yoshino, que completaron o desenvolvemento das actuais baterías recargables de ión-litio e compartiron con Whittingham o Nobel de Química de 2019.John B. Goodenough tivo unha intensa relación docente e investigadora coa USC, na que foi investido Doutor Honoris Causa en 2002 a instancia da área de electromagnetismo do departamento de física aplicada.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2022.