A Aula de Teatro da USC estrea o seu novo traballo
O xoves 12 de decembro a Aula de Teatro da USC estrea a montaxe 'Agamenón, volvín do supermercado e deille unha malleira ao meu fillo', unha peza de Rodrigo García, con posta en escena de Roberto Salgueiro e cun elenco composto por Antón Torrado Puime, Lucía Casal Muñiz e Laura Valeiras.
O pase, de 45 minutos de duración, terá lugar no Salón Teatro ás 21.00 horas e a asistencia é de balde, previo paso polo despacho de billetes (máximo 2 entradas por persoa), que abre dúas horas antes da función.
Sobre a obra
"A proposta que realizamos parte do texto orixinal de Rodrigo García, lixeiramente adaptado e onde tamén se inclúe algún outro escrito do autor. Neste peza convive unha mestura de violencia e humor que retrata unha sociedade afeita a recibir o golpe e a aceptar a derrota, asumila como algo constitutivo do noso ser. E converter a risa nun xesto revirado, a gargallada nun corpo contraído.", explican dende a Aula de Teatro da USC á hora de definir o eixo sobre o que se artella a obra.