Ir o contido principal

A agricultura en Palestina. Sementes de resistencia (Encontros de lúa chea)

26.02.2025 | 19.00h
Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación da Primavera Cultural, ofrece o mércores 26 de febreiro, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro 'A agricultura en Palestina. Sementes de resistencia'. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio asinado por USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Sobre o encontro

Do 8 ao 18 de decembro de 2024, unha delegación de La Vía Campesina (LVC) percorreu rexións clave de Palestina, como Nablús, o val do Xordán, Ramala, Belén e Hebrón, e reuniuse con agricultores e agricultoras, gobernadoras e representantes de organizacións da sociedade civil, como cooperativas de mulleres, grupos xuvenís e defensoras dos dereitos humanos.

As reunións revelaron unha realidade desoladora: as políticas sistemáticas de demolición de vivendas, confiscación de terras e restricións ao acceso á auga devastaron os medios de subsistencia das labregas e labregos e as comunidades rurais palestinas. A delegación foi testemuña da resistencia destas comunidades e da súa firme determinación de permanecer nas súas terras a pesar de décadas de desprazamento e violencia.

Especialmente dignos de mención son os esforzos da UAWC (Unión de Comités de Traballo Agrícola) no val do Xordán, fonte dos alimentos en Palestina, para apoiar ao campesiñado mediante a recuperación de terras, bancos de sementes e programas de formación. Estas iniciativas pretenden preservar a soberanía alimentaria palestina e enfrontarse ao proxecto colonial israelí.

Para falar desta situación con información de primeira man, traemos ao primeiro Encontro de Lúa Chea de 2025 a Dora Cabaleiro, membro da delegación de La Vía Campesina Internacional que visitou Palestina, así como a Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

A partir das 19 horas do mércores 26 de febreiro, agardámosvos na Cafetería da EPS de Enxeñaría para saber máis sobre esta vertente menos coñecida da ocupación israelí do territorio palestino.

Cartel do encontro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2025.