Ir o contido principal

Encontro '50 anos despois de Franco: verdugos invisibles de vítimas coñecidas'

02.10.2025 | 19.00h

O primeiro 'Encontro de Lúa Chea' deste curso trae a Lugo ao profesor Lourenzo Fernández Prieto para falar da represión posterior ao golpe de estado de xullo de 1936 e das persoas que a planificaron e a executaron

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

Neste 2025 cúmprese o 50 aniversario da morte de Franco, o ditador que marcou de forma tráxica a historia do Estado español durante case catro décadas.

Nun tempo en que emerxen relatos edulcorados ou directamente falsos da guerra á que nos levou o golpe de estado do 36 e da brutal represión posterior, segue a ser imprescindible facer memoria. Afortunadamente, a memoria das vítimas empeza a estar dispoñible para quen queira saber; pero se hai vítimas, por forza ten que haber vitimarios. E a súa historia, a dos verdugos, continúa maiormente oculta.

Para calquera sociedade, sacar á luz aos asasinos é mais difícil que reivindicar ás vítimas. Mais para avanzar e volver aos erros do pasado, precisamos saber deles. Que lóxicas explican estas matanzas? Cales foron as motivacións para os crimes?

Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC, cunha longa traxectoria divulgadora e investigadora sobre a represión franquista, concretada en traballos como Golpistas e verdugos do 1936. Historia dun pasado incómodo, falará sobre estas verdades incómodas que aínda hoxe custa sacar á luz.

O encontro será na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ás 19 horas do xoves 2 de outubro.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2025.