Ir o contido principal

Encontro 'Construír a paisaxe'

21.03.2025 | 17.00h

Lugo
Casa do Saber

Encontro con Catara Rego

Catara Rego
Catara Rego

'Construír a paisaxe' é o segundo dos cinco Encontros fotográficos que se inclúen dentro da programación da Primavera Cultural. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.

Catara Rego é a relatora deste encontro que terá lugar na Casa do Saber o 21 de marzo en horario de 17.00 a 20.00 horas e no que é posible inscribirse ata unha semana antes do comezo do encontro ou ata completar as prazas. Nesta ligazón pódese consultar a información sobre como realizar a matrícula.

Catara Rego (Meira, 1996) é artista visual e fotógrafa. Formada en Belas Artes e Deseño, ten un mestrado en Fotografía de Autor pola escola EFTI de Madrid. A súa obra afonda na relación entre paisaxe, territorio e identidade. Ten participado en exposicións colectivas coma Zona de sacrificio no Silo de Hortaleza, dentro do marco do festival PHotoEspaña 2024; Estratexias de explotación, no Vello Cárcere en Lugo (2024); na mostra do Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela (2023); Eólica así non na Galería Solaina en Lugo; Paisaxe_0 na Galería Metro de Santiago de Compostela; Feridas, no Festival FFoco de A Coruña; This Space Does Not Exist, na sala Avam de Matadero Madrid e en JustMad Art Fair. No 2024 foi seleccionada para participar nos visionados de porfolio do Art Photo Bcn en Barcelona onde gañou a bolsa de produción de Fuego Books. No 2023 resultou gañadora do premio Descubrimientos PHE23 de PHotoEspaña polo seu traballo Zona de sacrificio tras ser seleccionada para participar nos visionados de porfolio de Santander de PHotoEspaña en 2022. No 2022 tamén formou parte do XII Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Sobre o encontro

Construír a paisaxe explora o proceso creativo en torno á representación e configuración da paisaxe coma un elemento identitario, histórico e emocional. A través da fotografía, analizarase o vínculo entre territorio e memoria, a relación entre os espazos e os relatos que os atravesan e os efectos da transformación da paisaxe.

Abordaranse as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación ata a materialización do mesmo. Abrirase tamén un espazo de conversa libre onde se poderán compartir procesos, intereses e reflexións.

Cartel dos Encontros fotográficos
Cartel dos Encontros fotográficos
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2025.