Exhíbense 28 pinturas de Tadahiko Horiguchi, un dos primeiros creadores do anime xaponés e discípulo do deus do manga, o recoñecido Osamu Tezuka
A exposición 'A orixe do Anime na mirada de Tadahiko Horiguchi' da Universidade de Santiago e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, no marco da Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas, pode verse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca.
Esta singular mostra exhibe 28 pinturas de Tadahiko Horiguchi, un dos primeiros e máis destacados creadores do anime xaponés e discípulo do deus do manga, o recoñecido Osamu Tezuka. As pinturas están realizadas en diversos formatos e con diferentes materiais, como rotuladores, lapis de cores, tinta china, tinta de cores ou acuarelas. A exposición estará aberta ata o 28 de febreiro, de luns a venres en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.
O día e a noite foron referencia no mundo da arte durante toda a súa historia. Tadahiko Horiguchi é un deses artistas que reflicten moi ben a importancia desa dualidade. As súas obras exploran temas relacionados coa natureza, a cultura e a vida cotiá, utilizando cores vibrantes e técnicas que capturan a esencia dos seus suxeitos, así como a importancia das diferentes luces que se dan ao longo do día. A súa habilidade para transmitir emocións a través da pintura é similar á forma na que o fai na animación, creando conexións visuais e emocionais co espectador. O seu estilo artístico reflicte unha profunda apreciación pola estética xaponesa, combinando elementos tradicionais con influencias contemporáneas.
Conferencia de Takahashi
Como actividade complementaria da exposición, o mércores 22 Ryosuke Takahashi ofrecerá a charla ‘Unha viaxe en primeira persoa pola historia do anime xaponés: dende Astro Boy ata os nosos días’. Será ás 19.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O acceso é aberto e de balde.