A nova edición do programa Faíscas Culturais é unha reflexión sobre como as nosas relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais

Julia Ammerman Yebra realizará o mércores 19 de febreiro ás 12.00 horas, no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, unha visita guiada á exposición Afectos Dixitais co estudantado da materia 'Dereito da Información' do Grao en Xornalismo da Facultade de Ciencias da Comunicación, para logo discutir sobre o dereito á información e os dereitos personalísimos. A entrada é aberta para toda a comunidade universitaria.
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. Baixo o título 'i-Emotions: Afectos Dixitais', esta edición do programa é unha reflexión en torno á exposición 'Afectos Dixitais' sobre como as relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais.
