Escola de Teatro. Campus de Santiago de Compostela
Para acceder á escola de teatro é necesario presentarse a unhas probas que se realizarán os días 23, 24 e 25 de setembro de 2024, a partir das 18.00 horas, na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño.
Despois deste proceso e de quedar prazas libres, o criterio de acceso será o de rigorosa orde de inscrición na matrícula, aberta desde o día 30 de setembro. Este día farase público o número de prazas libres resultantes.
Prazas:
Dirección 1º | 6 prazas |
Dirección 2º | |
Interpretación 1º | 12 prazas |
Interpretación 2º |
(De ser necesario dobraranse os grupos de traballo)
Recoñecemento de créditos: cada itinerario completo (Interpretación/Dirección) ten asignados un total de 6 créditos ECTS
Espazos de formación: todos os cursos se desenvolverán na sala Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida), coa excepción do Módulo I de Interpretación 1 que se impartirá na sala Luísa Cuesta (Residencia Universitaria “Burgo das Nacións”)
Matrícula
A inscrición realizarase a partir do día 30 de setembro de 2024.
Prezos (curso completo):
- Comunidade universitaria: 180 euros (1º prazo: 100 / 2º prazo: 80)*
- Taxa xeral: 330 euros (1º prazo: 180 / 2º prazo: 150)*
Para formalizar a matrícula debes dirixirte ao enderezo electrónico: area.cultura [at] usc.gal (area[dot]cultura[at]usc[dot]gal).
*1º prazo antes do día 7 de outubro de 2024 / 2º prazo antes do día 20 de xaneiro de 2025
Calendario
A. Dirección e dramaturxia
Módulo I (2024 – outubro/decembro)
Conceptos básicos de dramaturxia e dirección
Datas e horario: todos os luns, do 7 de outubro ao 9 de decembro, horario de 18,00 – 20,00
Presentación de proxectos: 16 de decembro / 17,00 – 22,00
Módulo II e III (2025 – xaneiro/marzo)
A posta en escena
Datas e horario: todos os luns, do 3 de xaneiro ao 31 de marzo, horario presencial de 19,00 – 22,00
Prácticas
A realizar entre o 1 e o 11 de abril. A tal efecto constituiranse os grupos de traballo segundo as necesidades horarias das/os alumnas/os. As prácticas poden realizarse en quenda de mañá ou tarde, de luns a domingo (mínimo 20 horas)
Presentación de proxectos: entre o 24 – 26 de abril
Nota: Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de dirección, con quen se realizarán as prácticas.
B. Escrita dramática
AS DATAS DA ÁREA DE ESCRITA DRAMÁTICA SAIRÁN PUBLICADAS O PRÓXIMO DÍA 6 DE SETEMBRO. Podes consultar como referencia as do curso académico pasado:
7, 14, 21 e 28 de febreiro; 6 e 13 de marzo / de 19,00 a 21,00 (2024)
Imparten
Roberto Salgueiro (dramaturxia / dirección / iluminación)
Santiago Cortegoso (escrita dramática)
Contidos
A. Dirección e dramaturxia
Dirixir unha posta en escena é escribir un discurso teatral mediante unha serie de ferramentas. Coñecer cales son e entender que as historias (discurso teatral) non teñen porque estar sometidas á linealidade nin á referencia empírica do mundo resulta ser o fundamento básico para construír calquera arquitectura. Porque iso é, en definitiva, unha historia: unha estrutura que só debe responder á coherencia interna do seu mundo. A diferenza da literatura dramática, a posta en escena debe estar argumentada no emprego sólido do traballo do actor así como do espazo onde se constrúe esa historia, que vén determinado pola iluminación, os obxectos físicos, o vestiario, o son … Todo o cal debe ser concibido nunha forma que lle dará o valor estético que definirá a creación teatral.
O traballo do módulo I está dirixido a tratar os conceptos básicos da creación dramatúrxica e a preparar un caderno de traballo da posta en escena dunha peza escollida.
Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de interpretación para asistir e comentar o traballo escénico con eles e para realizar, igualmente con eles, as prácticas.
Ao longo do curso debe asistirse a un mínimo de tres funcións teatrais de compañías profesionais, que serán analizadas nas aulas. Igualmente, visitaranse diferentes espazos teatrais para coñecer o seu funcionamento técnico.
Bibliografía básica
Brook, P. La puerta abierta. Reflexiones sobre la actuación y el teatro, Alba Editorial, 1994
Hauser, F. e Reich, R. Notas de dirección. 130 lecciones desde la silla del director, Alba Editorial, 2017
Knébel, Maria O. Poética de la pedagogía teatral, Siglo XXI, 1991
Sánchez, José A. Dramaturgias de la imagen, Universidad de Castilla-La Mancha, 2014
B. Escrita dramática
Os seres humanos somos un gran espectáculo cotiá. Somos unha especie complexa no medio de interrelacións complexas, de estruturas sociais creadas por nós mesmos que logo non controlamos, senón que nos controlan e determinan os nosos comportamentos. O escritor observa e constrúe unha visión particular, unha poética, porque necesita aprehender o caos que o rodea e expresalo nun discurso e través dunha linguaxe. Non hai un método para escribir teatro. Ou o que é o mesmo: “Hai tantos métodos como escritores”. O xeito de desenvolverse na escrita vén determinado pola sensibilidade persoal para seleccionar e tratar os temas, o estilo, o xénero… Con todo, hai esquemas que nos poden axudar a ordenar as ideas e a facilitar a comprensión do proceso de creación dramatúrxica. Compartir e analizar este material a partir do traballo práctico serán os obxectivos deste obradoiro:
-Procesos dramatúrxicos: da planificación á escrita automática.
-A linguaxe dramática: acotacións, monólogos, diálogos e escenas colectivas.
-A escrita en acción. Como xerar textos desde enriba do escenario.
-Escrita e posta en escena. Textos abertos e pechados.
-Modelos básicos de estrutura dramática.
-Construción de personaxes (unidireccionais, poliédricos, etc.) e conflitos (horizontais, verticais, tranversais, etc.).
-A espacialidade dramática. O espazo como xerador de significado.
-A temporalidade dramática. Tempo escénico e tempo referencial. Discurso lineal vs. discurso fragmentado.
C. Iluminación
A iluminación escénica é unha ferramenta básica de traballo, indispensable para contar unha historia ou para crear unha atmósfera.
A iluminación dun traballo escénico debe servir para comprendelo, non para velo.
A cor. O ritmo. A lectura.
A dramaturxia da luz: a luz inútil e a luz pertinente.
No 2º ano as alumnas e os alumnos de Dirección traballan na montaxe dun espectáculo e atenden todas as vertentes do mesmo: reparto, espazos escénico e sonoro, iluminación…
Calendario
Módulo I (2024 – outubro/decembro)
Conceptos básicos da interpretación teatral. Estar en escena.
Luns | Mércores | |
19,00 – 20,00 | Interpretación | |
20,00 – 21,00 | Interpretación | Movemento en escena |
21,00 – 22,00 | Interpretación | Movemento en escena |
Todos os luns e mércores, do 7 de outubro ao 18 de decembro
Módulo II (2025 – febreiro)
Ferramentas de traballo para a creación.
Luns | Martes | Mércores | |
18,30 – 19,00 | Titorías | ||
19,00 – 20,00 | Interpretación | Interpretación | |
20,00 – 21,00 | Interpretación | Interpretación | |
21,00 – 22,00 | Interpretación | Interpretación |
Módulo III (2025 – marzo)
Luns | Martes | Mércores | |
18,30 – 19,00 | Titorías | ||
19,00 – 20,00 | Interpretación | Interpretación | |
20,00 – 21,00 | Interpretación | Interpretación | Movemento en escena |
21,00 – 22,00 | Interpretación | Interpretación | Movemento en escena |
Prácticas
A realizar entre o 1 e 11 de abril. A tal efecto constituiranse os grupos de traballo segundo as necesidades horarias das/os alumnas/os. As prácticas poden realizarse en quenda de mañá ou tarde, de luns a domingo (mínimo 20 horas)
Presentación de proxectos: 24-26 de abril
Nota: Nos módulos II e III unifícanse as aulas coas/os alumnas/os de dirección, con quen se realizarán as prácticas.
Imparten
Interpretación: Rebeca Montero (módulo I), Roberto Salgueiro (módulo II e III)
Movemento en escena: Miguel Gendre
Contidos
A. Movemento en escena
O coñecemento do propio corpo e as súas posibilidades de movemento son aspectos fundamentais na formación do actor. O obxectivo deste curso é utilizar o movemento e a expresión corporal como ferramentas para a exploración e o coñecemento do corpo.
Estudaremos as calidades de movementos en base a criterios relacionados co espazo, o tempo e o ritmo, a textura, o peso, e a continuidade. Isto vainos permitir a comprensión das posibilidades de movemento e a súa utilidade para a creación escénica.
A relación co outro será un aspecto central do curso. Afondaremos na escoita á hora de moverse en consonancia con outros corpos, e aprenderemos a usar o espazo que nos rodea en relación ás distancias e á xente que o compón.
Bibliografía recomendada
Von Laban, R. (1987). El dominio del movimiento. Madrid: Editorial Fundamentos
Shinca, M. (2002). Expresión corporal. Técnica y expresión del movimiento (3ª ed.). Barcelona: Editorial Praxis.
B. Interpretación
Establecendo puntos de partida.
A influencia da retórica durante os séculos XVII e XVIII na escasa formación do actor europeo incidiu de maneira fundamental nunha concepción logocentrista da interpretación: o actor, respondendo a uns ou outros códigos xestuais, estaba ao servizo dun texto que debía ser, fundamentalmente, enunciado. Este peso da palabra dita aínda é perceptible hoxe non só nunha praxe escénica abondo espallada senón na propia concepción que o público, en xeral, ten da arte do actor. Atrapado no texto, o corpo e o ánimo do intérprete padecen os límites que a palabra literaria impón, e por esta razón o actor debe recoñecer cales son as ferramentas básicas coas que conta para construír un personaxe. Así, a súa materialidade (corpo e voz, e necesariamente nesta orde) deben constituírse en punto de partida básico. E comprender o valor estético desa materialidade resulta unha necesidade principal. Por esa razón, non é obxectivo deste curso establecer un xeito de estar en escena, presentar unha única maneira (estética) de entender a interpretación teatral. Ao contrario, é a principal intención abrir as portas a un mundo amplo onde os traballos poidan ser construídos e exhibidos desde diferentes ángulos, recoñecendo que o punto de partida sempre é o mesmo: as incertezas e medos, as alegrías e ánimos, as emocións e o alento que se conteñen nun recipiente de carne e óso que a natureza lle outorgou a cada actriz e a cada actor, e que estes deben de coñecer para despois situalo en escena desde una perspectiva estética definida.
O rigor, a disciplina e a ética deste traballo conforman un xeito de entender a arte dramática que, en definitiva, vai modelar a creación que imos compartir co público. Non se trata de ser actor, senón de como ser actor. E nese como entran en xogo valores éticos e estéticos.
Bibliografía básica
Brook, P. (1994). La puerta abierta. Reflexiones sobre la actuación y el teatro. Barcelona: Alba Editorial.
Féral, Josette (2001) Os camiños do actor. Vigo: Editorial Galaxia.
Knébel, Maria O. (1991). Poética de la pedagogía teatral. México DF: Siglo XXI
Durante este segundo ano o traballo vai dirixido a consolidar a autonomía escénica do alumno, desde o punto de vista interpretativo e dramatúrxico.
O obxectivo principal é a toma de conciencia do corpo como ferramenta primeira, materia da que parte o son e que xera unha partitura no seu movemento escénico. Ritmo, melodía e escoita convértense en conceptos centrais do noso traballo.
Ao longo deste curso participan tamén diversos profesionais para tratar aspectos fundamentais da voz, do corpo e da dramaturxia e desenvólvense diversas actividades paralelas.
Datas e horarios a convir. Traballo personalizado.
Total horas lectivas: 175
Área de Cultura
- Colexio San Xerome
- Praza do Obradoiro s/n., 15782Santiago de Compostela
- 881 811 018
- 881 811 103
- area.cultura [at] usc.gal
Área de Cultura
- Edificio Intercentros
- Rúa Bernardino Pardo Ouro, s/n. Campus Universitario, 27002Lugo
- 982 821 513
- cultura.lugo [at] usc.es