Ir o contido principal
  • USC Vida

A Orquestra e Coro da USC abre a súa convocatoria para o Encontro de Verán 2025

Orquestra e Coro da Universidade
Orquestra e Coro da Universidade
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de xullo

A Área de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela convoca por primeira vez de xeito conxunto prazas para a Orquestra e mais para o Coro no seu Encontro de Verán, unha proposta formativa e artística aberta á mocidade estudante de música de toda España e Portugal.

A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela (OCUSC) lanza unha nova edición do seu Encontro de Verán, que se celebrará entre os días 21 e 27 de xullo de 2025 en Santiago de Compostela. Trátase dunha convocatoria aberta a calquera estudante de música de España e Portugal, así como doutros países da Unión Europea, con preferencia para membros actuais da OCUSC.

Como novidade, este ano a convocatoria inclúe tamén o Coro da USC, que se incorpora por primeira vez a este proxecto, consolidando así unha proposta coral e orquestral conxunta de alto nivel formativo e artístico.

Durante unha semana, as persoas seleccionadas traballarán xunto a recoñecidos profesionais do ámbito orquestral e coral, conxugando ensaios intensivos e concertos públicos nun ambiente de formación, convivencia e excelencia musical.

A participación está aberta tanto a membros da OCUSC como a estudantes de música que sexan estudantes de 3º ciclo de grao profesional, de grao superior ou persoas que acrediten un nivel equivalente. E para as e os coristas, aquelas persoas con experiencia en participación dalgunha agrupación coral.

O proxecto ofrece, ademais, aloxamento gratuíto na residencia universitaria da USC para os participantes que o soliciten e que non residan en Santiago, desde a noite do 20 ata a noite do 27 de xullo (prazas limitadas por orde de inscrición).

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de xullo ás 23:59 horas, a través deste formulario.

Os instrumentos admitidos son violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba, arpa e percusión e as voces admitidas son soprano, mezzosoprano ou alto, tenor ou barítono, e baixo.

Sobre a OCUSC

A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela é un proxecto artístico, educativo e cultural dependente da Área de Cultura da USC. Dende hai máis de quince anos, a OCUSC converteuse nun espazo de encontro interxeracional e internacional, que combina formación musical de calidade cun forte compromiso coa difusión da música e coa vida cultural universitaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2025.