Para acadar o maior difusión e impacto dos seus produtos editoriais, e tamén ao desexable retorno do investimento financeiro en produción editorial, Edicións USC favorece a edición dos orixinais en razón do seu interese temático, actualidade, oportunidade académica, nivel de demanda, transversalidade dos seus contidos e potencialidade de impacto nacional e internacional.
Actualmente, cóntase cun fondo (entre vivo e descatalogado) de máis de 5000 títulos, incluíndo monografías, volumes de revistas e teses doutorais, en todas as materias do coñecemento.
Edicións USC edita revistas científicas en soporte exclusivamente dixital, no seu portal Rev{USC}.
As publicacións de Edicións USC atópanse recollidas, entre outras moitas bases de datos, en Agris, ASFA Database, Bibliographie Linguistique, CIRBIC, DIALNET, DI, Current Index to Statistics, Elsevier Bibliographic Databases, Francis-CNRS, MIAR, MLA, Latindex, Historical Abstracts, Political Science Abstracts, Political Science Complete, ProQuest Periodicals Acquisitions, Redalyc, Regesta Imperii, RESH, TOC Premier, The Philosopher's Index, Scopus, SocINDEX, Sociological Abstracts (Select.), Ulrich's Periodicals Directory, Westlaw, Worldwide Political Science Abstracts Zoological Record etc.
Académica
Académica publica traballos de investigación orixinais monográficos, de autor, en colaboración ou colectivos, de calquera área de investigación ou campo de coñecemento.
CELe. Cuadernos de Español como Lengua Extanjera
CELE. Cuadernos de Español como Lengua Extranjera é unha proposta para o ensino e aprendizaxe do español no contexto universitario. As distintas series da coleccións (cinema, música, vocabulario...) propoñen actividades prácticas baixo as directrices do marco común europeo para as linguas e o plan curricular do Instituto Cervantes.
Clave
Clave publica obras compilatorias colectivas que son prontuarios para a adquisición rápida de competencias nunha materia e rigorosas actualizacións das últimas tendencias ou estados da cuestión para o estudo e unha máis completa comprensión da materia.
Ensaio
En Ensaio publícanse obras de autor que, desde posicións críticas e eventualmente subxectivas, pero sempre sometidas a unha apoiatura rigorosa desde o punto de vista científico, reflexionan sobre temas de actualidade, transcendencia social ou interese colectivo nos máis diversos eidos de coñecemento, procurando proporcionar unha lectura dinámica e amena.
Textos
Textos destínase a edicións académicas rigorosas, de natureza crítica e/ou anotada, de obras principalmente literarias, pero tamén de textos de interese científico, histórico, artístico, social ou cultural. As edicións, dirixidas ao mundo académico, serán críticas ou anotadas, ou ben combinaran ambas as dúas esferas. As transcricións paleográficas só se considerarán nos casos de antigos manuscritos ou impresos únicos de especial relevancia histórica.
Manuais
En Manuais edítanse obras didácticas, de autor, en colaboracións ou colectivas, para público universitario ou especialista nos máis diversas áreas de coñecemento, que buscan, como complemento da teoría, solucións accesibles e desenvolvementos de índole práctica e valor docente. Na avaliación dos orixinais valorarase a troncalidade da materia e a vixencia futura dos contidos.