As prestacións realizadas polo Servizo de Vixilancia da Saúde inclúen:
- Asistencia médica por accidente laboral, con ou sen baixa, incluíndo os accidentes in itinere.
- Consultas por enfermidade común ou consultas urxentes dos traballadores, presentadas en horario laboral.
- Control da tensión arterial.
- Análises de sangue, ouriños, feces, exudados, microbiolóxicos… en relación coas consultas que se poidan facer durante o horario laboral ou as derivadas dos recoñecementos médicos, para o que se conta coa colaboración do Laboratorio Central e de Microbioloxía do Hospital Clínico Universitario.
- Análises especiais que permiten o control da exposición dos traballadores a axentes químicos ou biolóxicos no lugar de traballo.
- Espirometrías, electrocardiogramas, estudos de visión.
- Curas e asistencia no caso de queimaduras, golpes, cortes e pequenas feridas.
- Administración de inxectables (previamente prescritos polo seu médico nunha receita).
- Recollida de datos antropométricos.
- Control de dietas.
- Extracción de tapóns de cerume.
Información adicional
É importante a clarificación dos seguintes conceptos:
Accidente de traballo
Supostos que están considerados coma accidentes de traballo:
- Accidentes producidos con ocasión das tarefas desenvolvidas, aínda que sexan distintas ás habituais, realizadas en interese do bo funcionamento da empresa (Art. 115.2c LGSS).
- Accidentes sufridos no lugar e durante o tempo de traballo (Art. 115.3 LGSS).
- Accidente in itinere: aqueles que sofre o traballador/a ao ir ao traballo ou ao volver deste (Art.115.2d LGSS).
- Accidentes en misión: sufridos polo traballador/a no traxecto que teña que realizar para o cumprimento da súa misión, así coma o acaecido no seu desempeño dentro da súa xornada laboral
- Accidentes de cargos electivos de carácter sindical: sufridos con ocasión ou por consecuencia do desempeño de cargo electivo de carácter sindical ou de goberno das entidades xestoras da Seguridade Social (Art. 115.2b LGSS)
- Accidentes acaecidos en actos de salvamento cando teñan conexión co traballo (Art.115. 2d LGSS)
- Enfermidades ou defectos anteriores: aquelas enfermidades ou defectos padecidos con anterioridade, que se manifestan ou agravan coma consecuencia dun accidente de traballo (Art. 115.2.f LGSS).
- Enfermidades intercorrentes: aquelas que supoñen complicacións do proceso patolóxico determinado por un accidente de traballo. Para cualificar unha enfermidade coma intercorrente é imprescindible que exista unha relación de causalidade inmediata entre o accidente de traballo inicial e a enfermidade derivada do proceso patolóxico (Art.115 2 g LGSS).
- As enfermidades comúns que contraia o traballador/a con motivo da realización do seu traballo, non incluídas na lista de enfermidades profesionais. Débese acreditar a relación causa-efecto entre a realización dun traballo e a aparición posterior da enfermidade (Art. 115.2e LGSS).
Enfermidade profesional
A enfermidade profesional vén definida no Art. 116 da Ley General de Seguridad Social: “a contraída a consecuencia do traballo executado por conta allea nas actividades que se especifiquen no cadro que se aprobe polas disposicións de aplicación e desenvolvemento desta Lei, e que esta proceda pola acción de elementos ou substancias que no devandito cadro se indiquen para cada enfermidade profesional”.
Segundo esta definición, para que unha enfermidade sexa considerada coma profesional deben darse os seguintes elementos:
- Que o traballo se faga “por conta allea”.
- Que sexa a consecuencia das actividades que se especifiquen no cadro de enfermidades profesionais. É un cadro limitado, cunha listaxe pechada de enfermidades profesionais. Non obstante, as enfermidades profesionais que non se atopen reflectidas, poden quedar incluídas no concepto de accidente laboral, segundo establece o artigo 84.2, apartado E, da L.G.S.S., pero non terán a consideración de enfermidade profesional.
- Que proceda da acción de substancias ou elementos que no cadro de enfermidades profesionais se indiquen para cada enfermidade.
Cando se pode establecer unha relación causal entre a exposición laboral e unha enfermidade que non estea recollida no cadro de enfermidades profesionais, esta enfermidade pode ser legalmente recoñecida coma accidente de traballo (Art. 115, punto 2, letra “e” da L.G.S.S.)
A listaxe de enfermidades profesionais está recollida no R.D. 1299/2006 de 10 de novembro.
Enfermidades relacionadas co traballo
Son aquelas enfermidades que polas súas características non poden ser incluídas nos conceptos que definen o accidente de traballo ou a enfermidade profesional. Situacións coma o mobbing, o burnout, o estrés laboral, a síndrome do edificio enfermo etc., poden ser extraordinariamente lesivas para o traballador/a e, na maior parte dos casos, teñen a consideración e cobertura dunha enfermidade común. Nalgunhas ocasións, cando o traballador/a consegue demostrar a relación co traballo, outórgaselle a categoría de accidente de traballo.
Servizo de Vixilancia da Saúde
- Casa de Vivendas de Funcionarios
- Avenida das Ciencias, 7, 15782Santiago de Compostela
- 881 814 520
- vixilanciasaude [at] usc.es
Servizo de Vixilancia da Saúde
- Edificio Administrativo Intercentros
- Rúa Bernardino Pardo Ouro, s/n. Campus Universitario, 27002Lugo
- 982 823 446
- 982 823 444