A prevención co uso de vacinas é un método eficaz na loita contra determinadas enfermidades e a súa erradicación.
No Servizo de Vixilancia da Saúde disponse de vacinas e achégase información sobre elas. Cada vez que se administra unha dose de calquera vacina rexístrase no historial informático de vacinas do SERGAS.
As vacinas administradas son:
- Vacina antigripal.
- Vacina do tétano-difteria.
- Vacina triplo vírica (rubéola –parotidite e sarampelo).
- Vacina da hepatite A.
- Vacina da hepatite B.
- A gripe é producida por un virus do xénero dos influenzavirus que afecta sobre todo ás vías respiratorias superiores, ocasionando un cadro clínico con síntomas xerais, benigno e auto limitado, agás en poboacións de risco.
- A principal fonte de infección constitúena os enfermos, e durante os tres primeiros días da enfermidade a posibilidade de contaxio é máxima. O virus é moi sensible aos axentes externos, polo que o mecanismo de transmisión é sempre directo.
- Os factores climáticos (baixa temperatura, humidade) facilitan a transmisión ao favorece-lo amoreamento das persoas. A fácil transmisión do virus explícase pola súa alta concentración nas secrecións orofarínxeas e a baixa dose infecciosa necesaria.
- A época de vacinación é, habitualmente, a principios do outono, e adáptase ao calendario oficial da vacinación.
Indicacións
Recoméndase especialmente nos seguintes grupos de risco:
- persoas que padecen afeccións pulmonares crónicas: bronquite, enfisema, asma, bronquiectasia, tuberculose, fibrose e outras.
- persoas que padecen afeccións cardíacas crónicas: enfermidade cardíaca hipertensiva e valvular e outras.
- persoas que padecen afeccións renais crónicas: nefrite, insuficiencia renal e outras.
- persoas que padecen outras enfermidades crónicas: diabete mellitus, lupus eritematoso, hepatite e outras.
- persoas con terapia inmunosupresora.
- persoas expostas a un risco elevado de contaxio por calquera razón: servizos de asistencia ao público, profesores, sanitarios, outros.
- persoas maiores de 65 anos.
Campaña de vacinación da gripe
Pode obter mais información na instrucion do SERGAS
O tétano é unha enfermidade producida polo Clostridium tetani, que é un bacilo grampositivo e anaerobio. Pode presentarse en forma vexetativa ou esporulada, amplamente distribuídas, en forma de esporas, no lixo, esterco, metais oxidados e material contaminado con feces humanas e animais.
A difteria é unha enfermidade bacteriana aguda localizada con maior frecuencia na rexión orofarínxea. A vacina está incluída no calendario infantil de vacinacións. Na actualidade recoméndase continua-las vacinacións no adulto xuntamente coa vacina antitetánica.
Indicacións
Recoméndase a vacinación antitetánica para toda a poboación (nenos e adultos). É de particular interese en:
- Servizos de xardinaría
- Agricultores
- Todas as persoas que teñan relación co campo ou con animais (profesores, persoal de laboratorio…)
A rubéola, o sarampelo e a parotidite son enfermidades víricas que normalmente se padecen na idade infantil e, polo xeral, das que o individuo adulto está inmunizado; non obstante nalgún caso a persoa non presenta anticorpos fronte a estas enfermidades
Indicacións
- Recoméndase nos adultos non vacinados ou aqueles que a pesar de estar vacinados non desenrolaron anticorpos (inmunidade). No Servizo de Vixilancia da Saúde faise —previamente á vacinación— unha determinación do estado inmunitario da persoa.
A hepatite B é unha enfermidade producida polo virus da hepatite B (VHB) que se transmite pola sangue e por fluídos corporais como o seme e o fluxo vaxinal (polo que está considerada enfermidade de transmisión sexual)
A hepatite B constitúe na actualidade un importante problema de saúde pública a nivel mundial, debido á alta prevalencia da enfermidade nalgunhas zoas e á posibilidade de desenvolvemento de formas crónicas graves. A vacina da hepatite B está indicada en tódalas persoas que teñan o risco de contraer a enfermidade.
Indicacións
A vacina da hepatite B está indicada en tódalas persoas que teñan o risco de contraer a enfermidade.
Como risco laboral na USC considérase que a vacina da hepatite B está indicada para:
- Persoas que traballen en institucións sanitarias expostas a contactos co sangue, e/ou produtos biolóxicos.
- Persoal profesional de laboratorios onde se manexen mostras de produtos biolóxicos.
- Persoal da Escola Infantil.
- Socorristas da piscina.
A hepatite A está producida polo virus da Hepatite A (VBA).
O virus encontrase nas feces das persoas infectadas polo que a forma de contaxio é por contacto directo cos enfermos ou ao inxerir alimentos ou auga contaminados co virus.
Indicacions
Recoméndase, en xeral, a todas aquelas persoas que traballen ou viaxen a areas onde a hepatite A é endémica, persoas que traballan con anciáns etc.
Dende o punto de vista laboral, na USC, está indicada no caso de:
- Traballadores de laboratorios onde poidan estar expostos ao virus da hepatite A.
- Traballadores da Escola Infantil
- Investigadores que traballen con augas residuais ou contaminadas.
- Socorristas da piscina.
Servizo de Vixilancia da Saúde
- Casa de Vivendas de Funcionarios
- Avenida das Ciencias, 7, 15782Santiago de Compostela
- 881 814 520
- vixilanciasaude [at] usc.es
Servizo de Vixilancia da Saúde
- Edificio Administrativo Intercentros
- Rúa Bernardino Pardo Ouro, s/n. Campus Universitario, 27002Lugo
- 982 823 446
- 982 823 444