Breve currículum vítae
Montserrat Valcárcel Armesto (O Incio, 1971), doutora e enxeñeira agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela (1999). É profesora titular de universidade no Departamento de Enxeñaría Agroforestal e desenvolve a súa actividade docente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo. Foi secretaria académica e encargada dos Asuntos Económicos e as Infraestruturas da EPS de Enxeñaría. Tamén exerceu de presidenta da Comisión da Biblioteca e foi membro ou secretaria doutras comisións do centro.
A súa actividade investigadora está centrada na xestión da auga, con dúas teses dirixidas e máis de 50 artigos publicados. Por outra banda, forma parte dun grupo de innovación docente que está composto por profesorado universitario de moi diversas áreas científico-técnicas e científico-sociais. Neste grupo veñen realizando desde 2013 diversas actividades para contribuír ao fomento das vocacións científicas no alumnado preuniversitario (campamento científico Campus de Verán XuvenCiencia) e para establecer unha relación máis estreita entre a comunidade científica e a sociedade (Xornadas XuvenCiencia para profesorado e XuvenCiencia na Aula).
Tamén forma parte do grupo Proxéctate en Galego, que organiza os Encontros de Lúa Chea.