Ir o contido principal

Programa ConCiencia

Conferencia-coloquio de David Alan Chipperfield, Premio Pritzker 2023

08.11.2023 | 19.00h

Centro Galego de Arte Contemporánea (Rúa Valle Inclán, 2. Santiago de Compostela)

O Premio Pritzker, considerado popularmente como o Nobel da arquitectura, distinguiu a Chipperfield "polo seu compromiso cunha arquitectura de presenza cívica"

David Chipperfield. FOTO: Christian Werner
David Chipperfield. FOTO: Christian Werner

O arquitecto David Chipperfield, gañador do Premio Pritzker de Arquitectura 2023, será o vindeiro participante no Programa ConCiencia. Nesta edición, o programa dirixido polo catedrático da USC Jorge Mira colaborará coa Fundación Pritzker, facendo así posible que a cidade de Santiago de Compostela acolla en primicia a proxección da versión abreviada do documental do Premio Pritzker 2023 a David Chipperfield. O acto desenvolverase o mércores 8 de novembro no Centro Galego de Arte Contemporánea, a partir das 19.00 horas, e será de acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

No inicio da sesión, proxectarase a versión abreviada do documental oficial do Premio Pritzker, peza audiovisual que inclúe imaxes exclusivas da cerimonia de entrega do premio, que tivo lugar na Ágora Antiga de Atenas en maio de 2023, intercaladas con comentarios sobre a súa obra a cargo de anteriores galardoados e membros do xurado.

Este documental é unha tradición incluída no cerimonial do premio dende 2020. Nese ano non se puido celebrar a cerimonia presencialmente e no seu lugar realizouse unha peza audiovisual, a modo de celebración virtual do galardón. Este acto virtual mantívose en posteriores edicións, realizándose proxeccións en cidades do mundo significativas para o galardoado. No caso de Chipperfield, esas cidades serán Londres, Berlín, Venecia, Seúl, Shanghái, Nova York e Santiago de Compostela. Deste xeito, a capital de Galicia convértese nunha das poucas cidades do mundo nas que se poderá ver o devandito documental antes da súa estrea mundial na páxina e redes sociais do Premio Pritzker de Arquitectura.

A continuación, o propio Chipperfield pronunciará un relatorio ao que lle seguirá o coloquio que servirá de colofón ao acto e no que participarán Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC; a arquitecta Carolyn Steel; Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia; e Luz Paz Agras, profesora da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Chipperfield mantén un estreito vínculo con Galicia a través da Fundación RIA, iniciativa filantrópica que busca conectar retos globais con contornas concretas, establecendo vínculos entre os axentes públicos e privados necesarios para a execución de proxectos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social do territorio.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2023.