
O XXXII Congreso EBEN España desenvolverase esta semana na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais co lema ‘Dinamizando o cambio para un futuro responsable, ético e centrado nas persoas’, organizado por persoal docente e investigador das Facultades de Administración e Dirección de Empresas de Lugo e de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela, co apoio da rama española da European Business Ethics Network (EBEN).
Trátase dun congreso multidisciplinar que reunirá máis dun cento de persoas expertas do ámbito académico arredor de tres eixes temáticos, como son a ética, a responsabilidade social e a dixitalización.
Aínda que o encontro científico comezará o mércores 21, a inauguración oficial do congreso terá lugar o xoves ás 9:00 horas, no Salón de Graos da Facultade, co relatorio do catedrático da USC Senén Barro Ameneiro titulado ‘Ofertas de emprego: absterse humanos’. O congreso contempla outras dúas conferencias maxistrais, de María Loureiro o xoves ás 12.45 horas, con ‘Sustentabilidade na era smart’ e Carlos Moreno, coa intervención ás 9.30 horas titulada ‘A compaixón e a empatía como pancas de transformación nas organizacións’.
Adicionalmente, o venres desenvolverase a mesa redonda ‘Promover as finanzas sustentables dende un enfoque ético para un impacto transformador’, na que participarán a directora de banca minorista en Triodos Bank, Susana Cabada; a profesora na UCM e na UNIR e conselleira en diversas entidades, Inés García-Pintos; e a directora xeral da Asociación SpainNAB, Mercedes Valcárcel. A moderación da mesa correrá a cargo de Loreto Fernández, profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela.
O congreso conta co apoio de diversas entidades públicas e privadas, entre as que figuran a Secretaría Xeral de Universidades, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariales, a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, o Grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada, o centro interuniversitario ECOBAS - Economics and Business Administration for Society, Turismo de Galicia e as empresas Medrar Innovation Office, Torre de Nuñez, Daveiga Producción Responsable, Mel Melosa, Forma-t, Casa Grande de Xanceda, Urban Coffee Roaster, Perusiñas e Amoras.
EBEN-España é a rama española da European Business Ethics Network (EBEN), unha asociación de ámbito europeo creada en 1987 para promover o estudo e a aplicación da ética no ámbito das organizacións, os negocios e a economía.