O director da Cámara Oficial Mineira, Diego López, e a bióloga Adela Figueroa tratarán esta temática o 5 de febreiro, ás 20.00 horas, nun foro guiado por Marcelino Maneiro
Os Encontros de Lúa Chea, un ciclo de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego, abrirá o mércores 5 de febreiro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, a súa programación de 2020, cunha sesión arredor da minaría e das súas posibilidades de desenvolver esta actividade de xeito sostible.
A elección da temática desta sesión responde a necesidade de esclarecer se a minaría se está convertendo en Galicia nunha actividade sostible ou se estamos diante dunha máscara ecolóxica que as industrias poñen para facer máis aceptable a súa actividade. A pertinencia está xustificada polo feito de que se ben a minaría é unha actividade relevante en Galicia desde o punto de vista económico, tamén é obvio que este tipo de actuacións adoitan producir un alto impacto ecolóxico e paisaxístico, o que depara queixas e protestas.
Fronte a conflitividade social que acompañan a implantación de novos proxectos mineiros no territorio, desde a Administración e desde as industrias promóvese a minería como un sector que depara beneficios para o turismo e o patrimonio, ao tempo que se defende que se trata dunha actividade sostible e respectuosa coa súa contorna.
O director da Cámara Oficial Mineira, Diego López, e a bióloga e escritora Adela Figueroa abordarán esta temática o vindeiro mércores 5 de febreiro, a partir das 20.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no marco un coloquio que estará moderado polo profesor da USC na Facultade de Ciencias de Lugo, Marcelino Maneiro Maneiro. A participación nesta sesión de análise e debate é libre e de balde para todas as persoas interesadas.