
O seminario 'Intervencións e controversias. A arte pública como activador social' concíbese como un espazo para pensar e dialogar sobre a dimensión social da arte pública. O evento desenvólvese o 2 de outubro no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC, dende as 10.00 horas, e o 3 de outubro no Auditorio de Caldas de Reis.
"Preguntarémonos que fan os monumentos e as intervencións artísticas no espazo urbano, como inflúen na vida colectiva e de que modo se transforman en parte activa das comunidades que os rodean", explican dende a organización do evento. "Indagaremos na capacidade performativa da arte pública e na súa axencia no marco dos debates e controversias que afectan as comunidades", engaden.
En Santiago de Compostela, terán lugar as primeiras sesións con comunicacións e mesas de debate centradas nos principais eixos teóricos. Neste marco presentarase o libro ¿Quién tiene derecho al monumento?
En Caldas de Reis (Pontevedra) desenvolverase a terceira sesión e un encontro arredor do festival de arte pública Kaldarte (1998–2022), cun percorrido pola poboación e un debate aberto con veciñanza e persoas que formaron parte desta iniciativa cultural.
