Ir o contido principal

Seminario de investigación ‘Abordando as paisaxes altomedievais. Novas olladas para vellas realidades’

16.10.2025-17.10.2025 | 09.45h-14.00h

Santiago de Compostela
Sala de Profesorado

O seminario será na facultade de Xeografía e Historia. Foto: Santi Alvite
O seminario será na facultade de Xeografía e Historia. Foto: Santi Alvite

Os días 16 e 17 de outubro terá lugar na Facultade de Xeografía e Historia o seminario de investigación Abordando as paisaxes altomedievais. Novas olladas para vellas realidades, organizado desde o grupo de investigación Síncrisis, Investigación en Formas Culturais da USC co apoio do iHUS e o CISPAC.

Ao longo das 10 horas de duración do seminario abordaranse cuestións relacionadas coas paisaxes altomedievais desde distintas perspectivas, xa que o encontro reunirá a especialistas de distintas disciplinas como historia medieval, arqueoloxía medieval e historia da arte medieval.

É tamén variada a procedencia das persoas participantes, entre os que se atopan Xosé M. Sánchez Sánchez, do mesmo grupo de investigación Síncrisis; José Carlos Sánchez Pardo e Mario Ramos Soriano, de CISPAC-USC; e Juan Manuel Galiña Lorenzo e Eduardo Breogán Nieto Muñiz, investigadores da Universidade de Vigo. Ademais, intervirán medievalistas de distintos puntos do noroeste peninsular,  concretamente da Universidade de Oviedo (Jesús Fernández Fernández), Euskal Herriko Unibertsitatea (Andrea Aparicio Lozano), Universidade de León (Javier Castiñeiras López) e Universidade de Salamanca (Leonor Baeza Gomariz, Pilar Ledesma Aldana e Carlos Tejerizo García).

Haberá tamén representación internacional, coa participación dunha investigadora do Instituto de Estudos Medievais da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa, Sara Maria Sena Esteves Prata, e doutro da Universidade do Minho, Francisco José Silva de Andrade.

As persoas responsables da organización son Mariña Bermúdez Beloso, profesora axudante doutora do departamento de Historia, e Mario Pereiro Fernández, investigador posdoutoral contratado do mesmo departamento e responsable do proxecto de investigación ‘CONTROGAL: Estratexias de Control Territorial na Gallaecia Altomedieval’ (Axudas para completar a etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia – 2025).

A asistencia é libre e non é preciso rexistro, salvo para aquelas persoas que desexen recibir un certificado de asistencia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2025.