Salón de Graos da Facultade de Dereito / virtualmente a través de Teams

A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) mantén aberto ata o día 25 o prazo de solicitude da novena convocatoria Seed Funding, cuxos detalles presentará este mércores 3 a Oficina EUniWell da USC nunha sesión informativa ás 11.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito ou ben virtualmente a través de Teams. As persoas interesadas recibirán asesoramento sobre os requisitos para a presentación de proxectos, a busca de socios noutras universidades da Alianza e o proceso de avaliación. Haberá rolda de preguntas ao final. As consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).
Este programa de financiamento persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal técnico e administrativo de universidades pertencentes á Alianza poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren de xeito diverso e significativo o benestar en distintos ámbitos, como a saúde, a educación, a investigación, a sociedade ou o medio ambiente.
Concibido como un programa de financiación colaborativo, a convocatoria Seed Funding establece como requisito que en cada proposta participen membros de polo menos catro universidades da Alianza EUniWell. Cada proxecto seleccionado recibirá unha subvención de ata 25.000 euros e deberá completarse nun prazo máximo de 12 meses.