Ir o contido principal

Semana da Ciencia do IGFAE

Wikimaratón de Física de Partículas

13.11.2025 | 15.30h

IGFAE
Santiago

O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu
O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organiza o xoves 13 de novembro, dende as 15.30 horas, a primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas, unha actividade que nace do obxectivo de enriquecer a Wikipedia en galego, creando novo contido ou mellorando artigos xa existentes, en disciplinas como a física de altas enerxías, astropartículas ou nuclear, relacionadas coas áreas de investigación do IGFAE. A inscrición pode formalizarse a través dun formulario en liña

A Wikimaratón, que se enmarca dentro das actividades da oitava Semana da Ciencia do IGFAE, está dirixida ao persoal do IGFAE e aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns e calquera persoa con interese pola física de partículas. Terá lugar de forma presencial, pero tamén é posible colaborar de forma virtual creando ou mellorando artigos. Requírese inscrición previa, e é oportuno que as persoas participantes teñan unha conta de usuario na Wikipedia.

Para máis información sobre a actividade (como aprender a editar, propostas de artigos, programa, ou bibliografía dispoñible, entre outros) pode visitarse a páxina do evento na propia Wikipedia.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle aarredor de 140 persoas que participan en grandes instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.

O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2025.