Ir o contido principal

Máis de 12.000 persoas visitaron xa na USC a exposición FotoPres “la Caixa” 09

A mostra poderase visitar no Colexio de Fonseca ata o 2 de outubro
A mostra poderase visitar no Colexio de Fonseca ata o 2 de outubro
Recolle 135 obras sobre a violencia nos países en conflito correspondentes aos traballos recoñecidos no certame máis veterano de España sobre fotografía documental

En pouco máis de quince días dende a súa inauguración, pasaron xa polo Colexio de Fonseca 12.000 persoas para visitar a exposición FotoPres “la Caixa” 09 que mostra os traballos premiados na última edición do certame da obra social da entidade catalá, o máis veterano e con mellor asignación económica de España para fotografía documental. A mostra permanecerá en Compostela ata o 2 de outubro. ”la Caixa”, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, presenta unha exposición con 135 fotografías que teñen como nexo común a reflexión sobre as condicións de vida de diversos países con situacións de conflito. O primeiro premio concedeuse ao traballo Violencia de xénero en Pakistán, de Emilio Morenatti (Jerez de la Frontera, 1969), unha serie de retratos que o fotógrafo realizou en decembro de 2008 a mulleres pakistaníes que sufriron ataques con ácido e que mostran as secuelas nos seus rostros. A exposición inclúe tamén os traballos Violencia post-electoral en Kenia, de Walter Astrada (Bos Aires, 1974), e Líbano, entre mar e fogo, de Alfonso Moral (Valladolid, 1977), segundo e terceiro premio respectivamente. Por último, preséntanse os proxectos documentais dos seis fotógrafos que obtiveron una bolsa da entidade: Lurdes R. Basolí, Fosi Vegue, Marta Ramoneda, Aleix Plademunt, Mikel Aristregi e Jo Expósito. Ademais, proxéctase o documental Ao outro lado da cámara coas nove miradas sobre a fotografía documental a cargo dos fotógrafos premiados. Pulo á carreira profesional Aos galardoados FotoPres serviulles como trampolín para impulsar a súa carreira profesional. Boa proba disto é que moitos deles obtiveron recoñecementos de prestixio nacional e internacional como o World Press Photo, os premios Ortega y Gasset ou o Nacional de Fotografía. Ademais, na nómina de premiados por FotoPres hainos que pertencen ás axencias de fotografía máis importantes do mundo, como Magnum, Reuters ou Associated Press, e que publican con regularidade en diarios e suplementos como Newsweek, Time, The Sunday Times ou El País. FotoPres “la Caixa” 09 pode visitarse de martes a sábado de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas e os domingos e festivos en horario de mañá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2011.