Un 12,4% do estudantado da USC ten intención de crear a súa propia empresa nos vindeiros cinco anos

O 5,9% do estudantado da USC planea iniciar unha carreira emprendedora, de xeito inmediato, tras finalizar os seus estudos, mentres que un 12,4% ten a intención de crear a súa propia empresa nos próximos cinco anos. Esta é unha das principais conclusións que achega o Informe GUESSS (Global University Entrepreneurial Spirit Students' Survey) que se presenta este martes 25 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo. O estudo que xa pode consultarse no web do proxecto GUESSS baséase nunha enquisa realizada a 1.676 estudantes entre marzo e maio de 2023.
A sondaxe GUESS constitúe unha iniciativa internacional que investiga as intencións emprendedoras do estudantado universitario e os factores que as determinan. O estudo asinado por Loreto Fernández, Isabel Neira, Jacobo Feás e Yago Atrio revela que non existen diferenzas significativas entre homes e mulleres en canto á intención emprendedora inmediata, aínda que as mulleres aumentan máis que os homes no horizonte de cinco anos. Ademais, o Índice de Espírito Emprendedor (IEE) que mostra a vontade de converterse en persoa empresaria, sitúase nun 2,75 e o Índice de Competencias para Emprender (ICE) que mostra a percepción das competencias necesarias que se teñen para levar a cabo un proxecto de emprendemento, nun 4,25. Ambos os índices sitúanse nunha escala de 1 a 7.
Catalizadora de proxectos
En canto á actividade emprendedora, un 10% do estudantado está inmersos en proxectos de creación de empresa, aínda que só un 4,4% xa posúe un negocio operativo. “Estes datos reflicten unha tendencia positiva cara ao emprendemento universitario”, destacan dende a autoría do informe. A través das máis de 1.600 enquisas realizadas a estudantado de distintas áreas de coñecemento na USC, o informe GUESSS-USC “trata de explorar temas como as motivacións persoais, o impacto de familias emprendedoras, a relevancia das redes sociais ou o papel dos programas universitarios de emprendemento”, sinala o estudo. Neste sentido, o informe contribúe a delinear o papel da universidade non só como centro de formación académica, “senón tamén como catalizadora de ideas innovadoras e proxectos empresariais”, matiza.
O obxectivo do informe que se presenta este martes é examinar as aspiracións profesionais do estudantado, comparando as súas expectativas ao finalizar os seus estudos coa súa visión de onde se ven cinco anos despois. Para iso, tras a introdución, o informe divídese en catro capítulos que comezan coa análise da intención e o espírito emprendedor do estudantado, para a continuación abordar a actividade emprendedora e os factores continxentes do emprendemento universitario na USC, finalizando coas principais conclusións e recomendacións do estudo.
Os detalles do informe ven a luz nun acto que se desenvolve na Facultade de ADE a partir das 17.00 horas. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e o decano do centro, Roberto Bande, son os encargados de dar a benvida ás persoas asistentes. A seguir, e como directora do equipo GEM Galicia, responsable do informe, intervén a profesora Loreto Fernández, para dar paso ao relatorio de Jacobo Feás e Yago Atrio coas principais conclusións do estudo. Logo dunha serie de casos de emprendemento, o peche do acto corre a cargo do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.