O 13 de setembro remata o prazo dos IX Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación na USC

O 13 de setembro é a data límite de recepción de propostas para participar na novena edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación. Esta iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ e incluída na ferramenta en liña Gear Tool de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.
A convocatoria contempla dúas modalidades: para experiencias innovadoras que teñan incluído a perspectiva de xénero e para investigacións, igualmente, con perspectiva de xénero. A persoa responsable da proposta deberá figurar no POD do seu departamento no curso 17/18. En total premiaranse un máximo de seis experiencias, tres en cada modalidade dotadas con 750, 500 e 300 euros. Os primeiros premios de cada modalidade están financiados polo Concello de Santiago.
Na modalidade docente, as propostas deben tratar sobre experiencias realizadas no ámbito da USC nos últimos tres anos e o propósito será a promoción das ferramentas conceptuais e os contidos transformadores de xénero en todos os ámbitos, pero non premiar as materias pola súa propia natureza. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade, abordando cuestións como a elaboración de materiais, aplicación de novas tecnoloxías, innovacións nas prácticas e programas ou acción de titoría, entre outros exemplos. Na súa valoración terase en conta que sexan susceptibles de ser trasladadas a outros contextos de ensino superior. En todo caso, farase unha breve valoración dos beneficios que supuxo a experiencia mediante a achega de datos do alumnado. Serán excluídas aquelas experiencias feitas ao abeiro de materias que xa incorporan no seu nome e temática o xénero
No caso da modalidade investigadora, premiaranse aqueles traballos desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipóteses, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos.
O xurado dos premios estará presidido pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos e del formarán parte a directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) ou persoa en quen delegue, dous membros do Persoal Docente e Investigador da USC de diferentes áreas de coñecemento e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero que actuará como secretaria.