Ir o contido principal

Máis de 1.600 deportistas participaron este curso nas ligas e copas universitarias de deportes de equipo en Santiago

O acto de entrega celebrouse este mércores na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite
O acto de entrega celebrouse este mércores na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite
O reitor Antonio López presidiu este mércores na Facultade de Psicoloxía o acto de entrega dos premios dos 42 trofeos das distintas competicións

Neste curso tomaron parte nas distintas ligas e copas universitarias por equipos da USC no campus de Santiago 1.623 deportistas agrupados en 132 equipos. Coincidindo coa finalización da competición, o reitor Antonio López presidiu este mércores na Facultade de Psicoloxía o acto de entrega dos galardóns aos 36 equipos vencedores nas súas respectivas divisións, así como os 6 vencedores nos torneos de copa. Acompañárono a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; a coordinadora do Colexio de Decanos e Decanas e Directores e Directoras de centros da USC, María Jesús Giráldez; a concelleira compostelá de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD, Pilar Lueiro; a vicepresidenta do Consello do Estudantado, Iria Liñares; o secretario do Consello do Estudantado, Joaquín Moreiras.

En total, desenvolvéronse competicións de fútbol 7, fútbol sala, baloncesto e voleibol. En fútbol 7 participaron nas ligas 59 equipos organizados en catro divisións, cun total de 806 deportistas (5 mulleres e 801 homes). Nas ligas de fútbol sala masculina houbo dúas divisións nas que se distribuíron 25 equipos e 298 deportistas e na de fútbol sala feminina houbo 7 equipos e 85 deportistas. Nas ligas de baloncesto masculinas organizáronse dúas divisións para 14 equipos e 170 deportistas. Na de baloncesto feminina houbo unha división con 6 conxuntos e 69 participantes. Finalmente, en voleibol mixto as dúas divisións acolleron 16 equipos e 195 deportistas (96 mulleres e 99 homes).

Reorganización da competición

A competición nas ligas deportivas universitarias este curso experimentou unha reorganización co obxecto de facelas “máis atractivas, competitivas e dinámicas”, como explica Javier Rico. Neste senso, introducíronse cambios no sistema de competición das ligas, de xeito que cada división estivo formada por dous grupos organizados de maneira aleatoria, tendo en conta a listaxe de agarda do curso anterior. Cada grupo xogou unha liga a unha volta na primeira fase, de outubro a decembro de 2023. Na segunda fase, de febreiro a marzo de 2024, os mellores dos grupos da primeira fase formaron un grupo para o play off de ascenso ou o título, e o resto de equipos de cada grupo xogaron outra liga para o play off de descenso. Desta maneira os equipos de cada grupo tiveron un nivel similar onde todos tiveron como mínimo un obxectivo polo que loitar e por tanto houbo unha maior motivación. Tras a segunda fase xogáronse os play off de ascenso e descenso e as finais de cada división.

Ao finalizar a liga da USC organizouse un Torneo de Copa no que tiveron cabida equipos de todas as divisións e grupos, e no que se tivo en conta a clasificación obtida nas ligas para poder participar, xa que existiron prazas limitadas. Foi a primeira vez que se desenvolveu un torneo de copa, e nel houbo resultados sorprendentes, como o feito de que en fútbol 7 un equipo de cuarta división foi o campión da copa.

Completando a competición oficial disputada ao longo de 23/24 e antes do inicio das ligas deste curso, celebráronse os Torneos BenVida, dentro do programa das Xornadas BenVida USC, nas modalidades deportivas de baloncesto 3x3, fútbol sala, fútbol 7, tenis e voleibol.

No campus de Lugo as finais de copa e a entrega dos premios das ligas e copa terán lugar o martes 30 de abril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2024.