Ir o contido principal

O 18% das vivendas galegas superan o límite de radon recomendado pola OMS

De esquerda a dereita, Juan Miguel Barros Dios, Alberto Ruano Raviña e Inés Mato Naveira. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Juan Miguel Barros Dios, Alberto Ruano Raviña e Inés Mato Naveira. FOTO: Santi Alvite
O Laboratorio de Radon de Galicia ampliou a 6.080 as medicións realizadas en todo o territorio galego. Ourense é a provincia máis afectada cun 23,2% de fogares que superan o límite establecido
Santiago de Compostela

O Mapa de Radon de Galicia acadou as 6.080 medicións en vivendas galegas tras unha nova ampliación feita polo Laboratorio de Radon de Galicia da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, dirixido polo profesor Juan Miguel Barros Dios. Os resultados da actualización do mapa foron presentados este xoves 22, en rolda de prensa, polo catedrático da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña, quen deu conta de como o 70% do territorio galego está afectado por concentracións elevadas deste gas. Acompañárono no acto o profesor Barros e Inés Mato Naveira, subdirectora xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde. O mapa evidencia que o radon, canceríxeno humano que está asociado causalmente co cancro de pulmón, supera os límites recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nun 18% dos fogares galegos analizados.

Ourense, con 798 medicións, é a provincia que obtén unha porcentaxe máis alta de vivendas que superan o límite de radon establecido pola OMS e que se sitúa nos 300 bequerelios por metro cúbico (Bq/m3) cun 23,2% de vivendas afectadas. Séguenlle Pontevedra con 2.000 medicións e o 21% de vivendas afectadas, A Coruña con 2.630 medicións e 16,1% de fogares que superan o límite recomendado, e no último chanzo sitúase Lugo cun 10,7% e 652 medicións.

Esta ampliación segue situando a Galicia coma “a comunidade autónoma con mellor caracterización deste gas nas vivendas”, sinalou o profesor Ruano, en comparación co Mapa Nacional de Radon do Consello de Seguridade Nuclear, o cal abrangue 12.000 vivendas pertencentes ao conxunto do territorio estatal. Na elaboración deste Mapa tamén colabora o Laboratorio de Radon de Galicia, quen realizou medicións nun total de once provincias. Para ter unha idea da minuciosidade do caso galego, o profesor Ruano lembrou como o mapa de radon portugués conta con 3.500 medicións, malia existir casos máis exhaustivos como o de Reino Unido con máis de 600.000 vivendas estudadas.

“Instrumento vivo”

Para o profesor Ruano, o mapa é “un instrumento vivo” que sempre é susceptible de mellora polo que dende o Laboratorio, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), fan un chamamento para que todas as persoas que desexen participar e que vivan nunha zona na que se precisen medicións, se poñan en contacto co equipo investigador no enderezo electrónico laboratorioradon.galicia [at] usc.es (laboratorioradon[dot]galicia[at]usc[dot]es)

O Mapa, que no ano 2019 contaba con 4.300 medicións, o que supón un incremento de 1.780 vivendas, fíxose en base municipal e, na actualidade, segue ampliándose pero en base ás seccións censuais dos municipios galegos. De feito, todos os concellos galegos posúen, polo menos, unha medición. De feito, o caso de Xermade, en Lugo, é o do único municipio que conta cunha única medición, fronte ás 622 de Vigo. Tal e como explicou o profesor Ruano, existen 63 concellos que teñen máis de 20 medicións. Ademais, un total de 166 (o 53%) teñen o seu mapa finalizado por sección censual (polo menos, dúas medicións en cada sección censual).

O mapa de vivendas compleméntanse cos datos de exposición a radon no eido laboral, con máis de 3.100 postos de traballo medidos. O Laboratorio de Radon de Galicia está acreditado para facer medicións por método de trazas e en continuo dende o ano 2019 pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e ten unha destacada actividade investigadora sendo un referente internacional nos efectos do radon sobre a saúde e na caracterización desde gas, con numerosas publicacións e premios recibidos. Estas actividades enmárcanse no Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública que coordina o profesor Ruano.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.06.2023.