Ir o contido principal

O 1º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán preséntase no Colexio de Fonseca

No mesmo acto, clausurarase oficialmente a exposición 'Innovación e Territorio, o legado de Fontán ao Século XXI'

A clausura da exposición ‘Innovación e Territorio, o legado de Fontán ao Século XXI’ celebrarase o vindeiro luns 24 nun acto no que tamén se presentarán as bases do 1º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. Será no transcurso dun acto previsto para as 10:30 horas na Sala de Exposicións do Colexio de Fonseca no que intervirán os vicerreitores de Relacións Institucionais e de Cultura da USC, Lourenzo Fernández e Elias Torres, respectivamente; o presidente da Real Sociedad Económica de Amigos del País de la Compostela (RSEAP), Juan Bautista de La Salle Barreiro Pérez; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe J. Arias Vilas; e un representantes da Fundación Domingo Fontán.
Aberta ao público dende comezos do pasado mes de outubro, a mostra recibiu a visita de preto de 4.500 visitantes. O material exposto permitiu dar a coñecer a traxectoria e a figura do ilustre matemático e xeógrafo galego Domingo Fontán e a súa obra maxistral a Carta Xeométrica de Galicia de 1834, primeiro mapa realizado en España con rigor científico mediante métodos matemáticos, que será a base para a realización do trazado de novas estradas.
Aínda que a mostra pecha as súas portas, o 1º Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán manterá viva a presenza do matemático na USC. Á convocatoria poden concorrer traballos de investigación histórica, paleográfica, xeográfica, artística, arquivística, patrimonial, bibliográfica ou calquera outro de investigación de carácter histórico fundamentado no patrimonio e documentación da RSEAPS ou no período e motivo da creación desta sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2008.