O 2 de maio abre o período de solicitude de praza no Servizo Universitario de Residencias da USC

O próximo xoves 2 de maio abrirase o prazo de solicitude no Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR), período que se estenderá ata o 28 de xuño. O SUR ofertará para o próximo curso 2019-2020 un total de 1.071 prazas de aloxamento.
Do total da oferta, 945 estarán reservadas para estudantes de grao, outras 48 para alumnado de másteres universitarios oficiais, 41 para os/as de doutoramento a tempo completo e investigadores en formación e outras 27 para membros da comunidade universitaria con necesidades educativas específicas derivadas dunha condición de discapacidade. Restarían cinco para estudantes de posgrao propio e outras tantas para persoal docente e investigador e de administración e servizos.
As cotas, para todo o curso académico, oscilan entre os 414 euros e os 2.628 euros en función do tipo de habitación e do nivel de Renda Persoal Dispoñible de cada solicitante. As solicitudes deberán cumprimentarse no formulario accesible por vía telemática que figura na web http://www.usc.es/gl/servizos/sur/convocatorias.html, páxina onde se publicarán todas as listas e relacións relativas a esta convocatoria, ademais de no taboleiro de anuncios electrónico da USC.
Unha vez procesadas as solicitudes, o 11 de xullo publicaranse as listas provisionais de solicitantes, e haberá un prazo ata o 26 de xullo para entregar a documentación requirida ou que estimen oportuna para completar as solicitudes. Finalmente, o día 31 publicaranse as listas definitivas.