Ir o contido principal

Máis de 200 estudantes de doutoramento de toda Galicia danse cita no Encontro da Mocidade Investigadora

O obxectivo do foro é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación. FOTO: Santi Alvite
O obxectivo do foro é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación. FOTO: Santi Alvite
A décima edición deste foro servirá de marco para a entrega, este martes 13, dos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020/2021 - Convocatoria financiada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027
Lugo, Santiago de Compostela

Favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre o estudantado de doutoramento é a meta que persegue a décima edición do Encontro da Mocidade Investigadora (EMI) que dende este luns 12 e ata este martes 13 se desenvolve na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. No marco deste evento, procederase á concesión dos premios extraordinarios de doutoramento do curso 2020/2021, que serán entregados, a partir das 20.00 horas do martes, polo reitor, Antonio López. Intres antes, a partir das 19.30 horas, dará comezo a cerimonia de clausura na que, ademais do reitor, participarán a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o director da EDIUS, Pablo Taboada Antelo. O foro conta cun total de 232 persoas inscritas. 

O EMI está organizado por investigadoras e investigadores procedentes da USC, a UVigo e a UDC e atópase aberto a todo o estudantado de doutoramento destas universidades. O único requisito para participar neste encontro era estar matriculado ou matriculada en calquera programa de doutoramento dalgunha das universidade do Sistema Universitario Galego (SUG). Os e as participantes teñen a oportunidade, ao longo destas dúas xornadas, de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que ofrece sesións de relatorios, posters e mesas redondas.

O obxectivo do foro é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, “o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todos os doutorandos e doutorandas”, apuntan dende a organización. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

“O EMI ofrece unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias cos demais compañeiros predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades”, sinalan. En definitiva, este encontro constitúe “un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento”, engaden.

O acto de apertura que se desenvolveu este luns contou coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias Fernández; do director da EDIUS, Pablo Taboada Antelo; do decano da Facultade de Ciencias Económicas, Xoán Ramón Doldán García; do director da EIDO-Uvigo, Antonio Collazo Fernández; e do subdirector da EIDUDC, Isaac Manuel Fuentes Boquete. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.07.2024.