Ir o contido principal

Máis de 200 expertos de 40 países abordan a potencialidade dos fluídos supercríticos e os aeroxeles

O acto inaugural estivo presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri.  FOTO: Santi Alvite
O acto inaugural estivo presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. FOTO: Santi Alvite
A implantoloxía ou a absorción de contaminantes para aplicacións medioambientais serán algunhas das cuestións abordadas ao longo desta semana
Santiago de Compostela

O I Encontro Ibérico de Fluídos Supercríticos conta dende este martes na Facultade de Medicina e Odontoloxía, coa presenza de expertos de España e Portugal que intercambiarán coñecementos nun foro onde compartirán espazo investigadores e representantes da industria. Este encontro, impulsado polo grupo de investigación da USC I+D Farma coa colaboración da Agrupación Estratéxica de Materiais (AeMAT), estenderase ata o mércores 19. Tamén participan na súa organización a Universidade de Coimbra e a Asociación de Expertos en Fluídos Comprimidos.

De xeito paralelo a este foro, a Facultade acolle o Congreso Internacional de Aeroxeles con aplicacións biomédicas e medioambientais que conta coa participación de máis de 200 persoas procedentes de 40 países. Este congreso emprázase na rede internacional AERoGELS COST financiada pola Comisión Europea, que ten como obxecto fortalecer a investigación nestes materiais. O acto inaugural estivo presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri. 

Posibles aplicacións

Sólido, líquido e gas son os tres estados máis coñecidos da materia, pero aplicando certas condicións de presión e temperatura é posible que sustancias como o CO2 adopten un comportamento supercrítico, onde as propiedades do estado líquido e gasoso se combinen. Aplicando estas condicións, as substancias teñen unhas propiedades físicas que abren novas posibilidades e procesos de transformación dos materiais. Por exemplo, en condicións supercríticas algunhas sustancias son disolventes altamente eficaces, menos tóxicos e contaminantes que os disolventes orgánicos convencionais. 

O procesado con fluídos supercríticos permite a produción de materiais como os aeroxeles, que están compostos por aire nun 99,99%. A súa estrutura é como a dun xel, no que as partículas líquidas substituíronse por aire. O resultado desta transformación é un sólido de moi baixa densidade, ata 300 veces inferior á da auga, pero con alta resistencia. “Moitos aeroxeles son biocompatibles e por tanto teñen aplicacións en eidos como a medicina e a implantoloxía. Outras propiedades a destacar son a súa gran capacidade de absorción de contaminantes para aplicacións medioambientais ou a excelente capacidade de illamento térmico”, apuntan dende a organización dos foros. A tecnoloxía supercrítica e os aeroxeles, tal e como se aborda esta semana en Medicina, están dando resposta a algúns dos retos aos que a sociedade se enfronta como a sustentabilidade, a saúde ou o envellecemento da poboación. 
 

Público asistente ao acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
Público asistente ao acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.02.2020.