Ir o contido principal

Máis de 200 expertos participan no Simposio Internacional sobre Investigación do Cancro

Máis de 200 expertos en oncoloxía participan a partir deste mércores no Simposio Internacional sobre Investigación do Cancro que se celebra ata o venres 11 no Mosteiro de San Martiño Pinario. Á inauguración asistiron a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal; a vicerreitora de Investigación e Innovación da USC, María José Alonso Fernández; o catedrático Ángel Carracedo; o decano da Facultade de Medicina, José María Fraga Bermúdez; o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, Germán González Pazó; e o presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro, Nicolás Díaz Chico.
Paralelamente, a Facultade de Medicina acolle do 10 ao 11 o curso de formación ‘Estudos de asociación en cancro: Dende xenes candidatos a GWAs’ que ten como obxectivo principal axudar a entender o xenotipado a gran escala como ferramenta útil para estudos de asociación de enfermidades complexas como o cancro.
Os coñecidos expertos da USC Ángel Carracedo e Anxo Vidal, xunto co científico do Instituto de Investigacións Biomédicas do CSIC Juan Carlos Lacal organizaron o Simposio Internacional e o Curso para celebrar o 25 Aniversario da ASEICA e achegar os estudos máis recentes sobre cancro.
O simposio internacionalLogo da apertura, o Simposio continuou coa conferencia do profesor da Universidade de Oviedo, Carlos López-Otín, sobre a relación da doenza e o avellentamento. Despois fixeron o propio o membro do Centro de Investigación do Cancro de Salamanca, Xosé Bustelo, e o do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, Manel Esteller, explicando a influencia dunha familia de oncoproteínas e a epixenética da enfermidade, respectivamente. Tamén se falou de terapias na intervención do investigador do Hospital Doce de Octubre, Hernán Cortés-Funes e desenvolveuse unha mesa redonda titulada ‘Deseñando a nova ASEICA’.
Sesións do cursoPola súa banda, o curso de formación dará comezo o xoves 10 ás 16:00 horas coa conferencia do catedrático da USC, Ángel Carracedo, acerca das estratexias e métodos para a busca de xenes candidatos en enfermidades complexas. O resto das sesións académicas centraranse en cuestións como o deseño de estudos de epidemioloxía xenética, as tecnoloxías do xenotipado ou as estratexias con xenes candidatos, entre outras.
En xeral, científicos de prestixio internacional revisarán nestes eventos os últimos traballos sobre oncoloxía clínica, patoloxía molecular, xenómica funcional, oncoloxía celular e molecular, así como aspectos claramente tradicionais sobre terapias experimentais baseadas en dianas moleculares.
A AsociaciónA ASEICA naceu en 1983 coa fin de reunir aos profesionais españois dedicados á investigación do cancro en todas as súas facetas. Na actualidade, a maioría dos seus 650 socios son investigadores básicos ou clínicos. Ademais da organización bianual do congreso da Asociación, tamén participa en actividades científicas colaborando con outras sociedades e organismos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2008.