Ir o contido principal

O 21 Congreso internacional de Galicia e Norte de Portugal de formación para o traballo aborda a situación da poboación produtiva de maior idade

De esquerda a dereita Xosé Sánchez Bugallo, Margarita Valcarce, Antonio López, Covadonga Toca, António Leite e Joaquim Coimbra. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita Xosé Sánchez Bugallo, Margarita Valcarce, Antonio López, Covadonga Toca, António Leite e Joaquim Coimbra. Foto: Santi Alvite
É un encontro pioneiro de carácter internacional que presta especial atención á discriminación das persoas maiores no eido laboral
Santiago de Compostela

Poboación produtiva maior: a formación e a orientación na empregabilidade e mobilización do talento senior fronte ao edadismo no emprego. Este é o lema sobre o que xirará o 21 Congreso Internacional Galicia/Norte de Portugal de formación para o traballo ( http://xurl.es/njue8 ) que se celebra en Santiago ata o sábado 21. É un encontro pioneiro de carácter internacional que presta especial atención ao edadismo no eido laboral, termo acuñado polo psiquiatra Robert Butler para referirse á discriminación das persoas maiores en base a prexuízos ou estereotipos respecto da idade. O congreso organízano o Grupo Galego de Estudos para a Formación e Inserción Laboral (GEFIL) da USC e a delegación rexional do norte do Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal co patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

O reitor Antonio López presidiu este xoves 19 o acto inaugural do encontro, no que tamén interviñeron o alcalde do Concello de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús; o delegado rexional do norte do Instituto do Emprego e Formación Profesional, António Leite; a presidenta do congreso, a profesora Margarita Valcarce Fernández; e o vicepresidente do Comité Organizador, Joaquim Coimbra.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística de España, preto dun 30% das persoas de máis de 45 anos afirman ter sufrido discriminación pola súa idade, mentres que un informe de 2018 de ADECCO constata que as empresas optan por persoas de 26 a 35 anos para cubrir as súas ofertas de emprego, mentres que o segmento daquelas de 36 a 45 anos segue perdendo peso. O congreso abordará os desafíos do edadismo na formación, a orientación e o emprego e representa unha oportunidade para debater sobre como se está tratando a discriminación por razón de idade nestes ámbitos, por parte das administracións, a política, os empregadores/as, sindicatos e a sociedade en xeral.

Como explicou Margarita Valcarce, as persoas de máis de 45 anos constitúen “un grupo de vulnerabilidade, en risco de ser excluídas dos circuítos de acceso ao emprego”. Este é un tema “ escasamente estudado dentro da poboación activa desocupada e ocupada. Pouco ou nada sabemos acerca das súas carreiras profesionais, da súa realidade formativa e de traballo, dos estancamento e tránsitos, das súas necesidades, intereses, posibilidades, achegas e de como se transfire o coñecemento entre xeracións de profesionais cando nos sistemas laborais actuais a prolongación da idade de xubilación alonga o tempo de postulación para o emprego”.

Programa
O congreso celebrarase do 19 ao 21 de setembro no Auditorio Abanca e comezou cunha conferencia sobre os novos paradigmas arredor das sociedade inclusivas e un simposio sobre a atención á empregabilidade das persoas adultas maiores, con especial atención a obxectivos, medidas, programas e proxectos na práctica. O día 20 está previsto un panel sobre ‘Fendas actuais na formación e a orientación: o edadismo na empregabilidade das persoas’ e continuará con dúas conferencias sobre ‘Formación de persoas adultas e empregabilidade: leccións dunha estratexia’ e sobre o Plan Nacional de alfabetización de adultos en Portugal.

Na terceira sesión, o programa acolle unha mesa redonda na que se debaterá sobre as posibilidades de reorientación da carreira profesional das persoas pasados os 45 anos, incluíndo ademais unha intervención que porá o interese na sustentabilidade dos sistemas educativos actuais na formación das competencias das persoas adultas.

O reitor presidiu a sesión inaugural. Foto. Santi Alvite

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.