Ir o contido principal

Máis de 270 estudantes de secundaria e Bacharelato participan no SUG nas probas da da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía

Participantes na fase provincial da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía, na Escola Politécnica Superior de Lugo
Participantes na fase provincial da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía, na Escola Politécnica Superior de Lugo
Pablo Bujidos, do IES Ollos Grandes, gañou a fase luguesa dun certame que citou 58 participantes na EPS. Un equipo do IES Gregorio Fernández de Sarria, o mellor grupo da provincia

Máis de 270 estudantes matriculados en centros educativos de Galicia en cuarto curso da ESO, así como en primeiro e segundo de Bacharelato, tomaron parte nas fases provinciais da VI Olimpíada galega de Xeoloxía, un certame promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, cuxas probas en Galicia se desenvolveron de xeito simultáneo este mércores na Escola Politécnica Superior de Lugo, na Facultade de Bioloxía de Santiago, na Facultade de Ciencias de Ourense e na ETSE de Minas, en Vigo.

No caso de Lugo, a fase provincial da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía citou na Escola Politécnica Superior un total de 58 estudantes de 4º de ESO e de 1º e 2º de BAC procedentes de varios institutos da cidade amurallada (IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Muralla Romana, IES Xoán Montes) e de Sarria (IES Gregorio Fernández). A subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS, Rosa Romero Franco; a profesora do Departamento de Edafoloxía e Química da USC e coordinadora deste certame, Esperanza Álvarez; a representante da AEPCET e profesora do Departamento de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti, Mª Luz Ballón Orois, e o tamén profesor da USC e coordinador no campus de Lugo do programa ‘A Ponte’ da USC, Javier López González, deron a benvida a todos os/as participantes antes de que comezaran a desenvolver as distintas probas programadas, tanto os test individuais como as probas de grupo. De xeito simultáneo, a Facultade de Bioloxía de Santiago, a E.T.S.E de Minas de Vigo, e a Facultade de Ciencias de Ourense, acubillaron as distintas fases provinciais deste certame. Entrega de premios en Lugo O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, presidiu o acto de entrega de premios da fase provincial de Lugo, cuxo gañador foi o estudante de 1º de BAC do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes Pablo Bujidos Martín. A súa compañeira de instituto e de curso Violeta Quiroga Álvarez finalizou segunda clasificada e o tamén alumnos de 1º de BAC Javier Díaz Rodríguez, do IES Gregorio Fernández, de Sarria, rematou en terceira posición. O accésit ao estudante de 4º de ESO que acadou a puntuación máis alta recaeu en Margarita Fernández Ferro, do IES Xoán Montes. O equipo que recibiu o diploma acreditativo como grupo mellor cualificado foi do IES Gregorio Fernández, de Sarria, e está formado por Silvia Armesto Díaz, Selena López Aira, Mirian López Ferreiro, Sonia López Pumarega e Alexis Rodríguez Domínguez. O elevado número de estudantes que formalizaron a súa inscrición para tomar parte na VI Olimpíada galega de Xeoloxía, unha cita que rexistrou nesta edición un número participante sensiblemente superior ao do ano pasado, propiciou que a AECPET acordara ampliar a 6 o número de prazas para acudir á fase española. A profesora da USC Esperanza Álvarez, que tamén se ocupa da coordinación da fase luguesa deste VI Olimpíada galega de Xeoloxía, explicou neste senso que as persoas gañadoras en cada unha das catro fases provinciais e os estudantes que acadasen a segunda e a terceira puntuación a nivel galega poderán competir na fase española, cuxas probas se desenvolverá o 21 de marzo en Alacante. Os gastos da asistencia ás mesmas serán asumidos pola organización, que tamén designará un profesor/a para acompañar ao grupo de estudantes. Das probas da fase española seleccionaranse 4 estudantes, que terán opción a competir na fase internacional, unha cita que se desenvolverá en outono no Estado de Minas Gerais, en Brasil. O alumnado que curse na actualidade 2º de Bacharelato e obteña premio en calquera das sedes poderá optar en principio (ao igual que o ano anterior) ás bolsas que as universidades galegas conceden aos premiados nas olimpíadas científicas. Se fose o caso, os interesados deberán estar pendentes da correspondente convocatoria no Doga. Pablo Bujidos Martín recolle o diploma de mans de Javier Bueno

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2015.