30 universitarios iberoamericanos lánzanse a emprender no Camiño de Santiago

Spin Way 2017, aventura emprendedora no Camiño de Santiago , arranca este mércores 6 coa participación de 30 mozos e mozas universitarios de 14 países da rexión iberoamericana cun obxectivo común: crear proxectos empresariais innovadores, sostibles e con potencial para mellorar as súas comunidades e países.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de Juventud para Iberoamérica (OIJ) e o Instituto de la Juventud de España (Injuve) impulsan esta edición 2017 de Spin Way, que conta tamén coa colaboración de Uninova, Xacobeo Galicia e Visualiza Business.
Con Spin Way 2017 emprendedores novos vivirán unha experiencia única de aprendizaxe, esforzo e cooperación que comeza este mesmo mércores 6 a partir das 9.30 horas cun taller formativo no Edificio Emprendia da USC. Nesta xornada recibirán asesoramento experto en temas claves para as súas propostas e que logo terán que poñer a proba durante o Camiño de Santiago.
Serán máis de 100 quilómetros a pé pola ruta do Camiño Francés traballando con mentores que os acompañarán e cos compartirán o seu know-how durante cinco días de aventura, descubrimento e traballo en equipo. Superado o reto na ruta xacobea, os emprendedores enfrontarán un último desafío o día 12 de setembro para defender os seus proxectos ante un xurado nunha competición de Pitch.
Para moitos dos mozos e mozas universitarios que participan no programa, Spin Way 2017 é a primeira oportunidade que teñen de viaxar a outro país e de coñecer e convivir con persoas doutras culturas. Esta é unha experiencia que non so aspira a transformar os seus proxectos en iniciativas de éxito, senón a xerar lazos de amizade e cooperación para o futuro entre mozos/as de toda a rexión iberoamericana e que aspira tamén a favorecer a implementación do Pacto Iberoamericano de Juventud.