Ir o contido principal

3...2...1..., un conto para arrincar sorrisos en tempos de crise

Renata Otero (á esquerda) presentou o libro na Igrexa Universitaria acompañada por Mercedes Rosón (Foto: Santi Alvite)
Renata Otero (á esquerda) presentou o libro na Igrexa Universitaria acompañada por Mercedes Rosón (Foto: Santi Alvite)

Co proxecto colectivo Procesalia 2013 como marco, no que intervén coa súa Superwoman do sábado pola noite, a artista Renata Otero presentou este venres en primicia na Igrexa da Universidade o seu libro autoeditado 3...2...1..., un conto para adultos en torno á idea da crise (das crises) como unha oportunidade para o avance persoal. No breve volume de serie limitada, froito da improvisación gráfica e literaria, Renata Otero comparte, “sen pretensións”, un documento inédito onde, de novo, se expresa en primeira persoa para mandar unha mensaxe positiva. A idea deste libro-xoia arrancou tras asistir as unha sesión do proxecto poético compostelán Picaversos, que animou na autora a idea de “darse permiso”, aventurarse a probar cousas novas sen medo “pero tamén sen expectativas”. Como ela mesma explica, o único que pretende é “arrancar un sorriso” dos lectores e lectoras que se aventuren a ler un “libriño” que fala de decepcións e de novos rumbos, en positivo, con moi pouco texto e ilustracións inéditas. A autora Renata Otero Ramallal, doutora cum laude polo Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Barcelona e actualmente profesora de debuxo no IES de Ames, é unha creadora multidisciplinar. A súa obra inscríbese na autorreferencialidade desde hai xa 15 anos en traballos próximos ao diario, á crónica persoal, o autorretrato o a autobiografía e desde disciplinas tan diversas como a pintura, a fotografía, a banda deseñada, o vídeo, a literatura, a performance, a escultura, a arte sonora ou a instalación. O volume, autoeditado, inclúe ilustracións inéditas da autora (Foto: Santi Alvite)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2014.