350 estudantes de toda Galicia coñecen de primeira man os últimos avances sobre células nai
O Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da enfermidade de Parkinson da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas (CiMUS), dirixido polo catedrático José Luis Labandeira, organiza este venres 6 de marzo na Facultade de Medicina a xornada Unistem Day 2020. Trátase do maior evento internacional de divulgación sobre células nai e terapia celular, promovido pola Università degli Studi di Milano, que pretende acercar a ciencia aos máis novos e espertar o seu interese pola investigación.
O acto inaugural estivo presidido polo vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri. Xunto a el, tomaron parte o propio Labandeira e Julian Álvarez Escudero, decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía.
Nesta edición uns 30.000 estudantes de tres continentes participan en actividades e visitas a laboratorios en 101 universidades e centros de investigación de Italia, España, Alemaña, Australia, Suecia, Portugal, Colombia, Francia, Austria, Polonia, Grecia, Holanda e Hungría. En España, ademais da USC, participan outras sete universidades e centros de investigación da ‘Red de Terapia Celular’, coordinados desde a Universidade de Barcelona.
A Facultade de Medicina de Santiago acolle a máis de 350 alumnos e profesores dos IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II de Santiago, do IES García Barros de A Estrada e do IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín. Ademais, o evento inclúe charlas de docentes e investigadores da USC que falan sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular.