Un total de 40 cursos integran a oferta da Universidade de Verán da USC para os vindeiros meses

A USC bota a andar unha nova edición da súa Universidade de Verán, na que un total de 40 cursos, espallados por Santiago de Compostela, Lugo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Meis, Oia e Ribadeo, abren o seu prazo de inscrición a partir deste xoves, 15 de maio. Trátase dunha oferta ampla e diversas que abarca todas as áreas de coñecemento e coa que a USC pretende abrirse á sociedade e estender o coñecemento científico ao conxunto da cidadanía.
Os 25 cursos que se ofertan en Santiago de Compostela abarcan ámbitos temáticos tan diversos como a neurorradioloxía vascular, a bioloxía das pequenas e grandes cousas, a divulgación da química, a economía social e a corresponsabilidade, a xustiza do século XXI explicada tanto para xuristas como para non xuristas, a lactación materna para profesionais, ou a construción da saúde a través da participación comunitaria. Outros dos temas protagonistas son a amizade política, afectos e feminismos; mindfulness, bioimpresión 3D, economía circular e sustentabilidade, finanzas persoais, as paisaxes das mulleres con poder na Idade Media, algoritmos e clips verdes para Intelixencia Artificial, métodos de investigación dos estud(i)os Queer, visualización e análise de datos con R, horizontes matemáticos, persoas sabias do Camiño de Santiago e a peregrinación, manipulación informativa, Intelixencia Artificial e medicina personalizada, sinerxías entre o dereito e a música, a elaboración de documentos e presentacións científicas, código para biólogos, a transición enerxética ou a investigación científica e policial dos casos de homicidio e asasinato.
Sete son os cursos que a USC oferta na cidade de Lugo. Trátase da aplicación das novas tecnoloxías e da dixitalización ao mundo rural, a revitalización rural, os relatos da morte no pasado, castiñeiro e cambio climático, ganancias e resiliencia no envellecemento, o diagnóstico veterinario e a valoración nutricional de deportistas de alto rendemento.
Novas olladas á costa galega e a restauración da natureza centrarán a oferta en Ribeira, mentres que Vilagarcía de Arousa acollerá cursos sobre ferramentas e estratexias para a valoración ambiental e sobre a transición enerxética e industrial. Pola súa parte, Ribadeo será escenario para un curso sobre riscos psicosociais no traballo, Oia para outro sobre oncoloxía integrativa, Lalín será sede dunha actividade sobre novas fronteiras en materia de igualdade, e Meis acollerá un curso sobre o mundo dos viños galegos. Este amplo catálogo de accións formativas estenderase ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O prazo de matrícula para cada curso pode consultarse no web da Universidade de Verán e pecharase con dez días de antelación ao comezo da actividade.