Ir o contido principal

Uns 40 universitarios mexicanos estudarán este curso nos distintos centros do campus de Lugo

Alumnos estranxeiros matriculados no campus de Lugo este curso
Alumnos estranxeiros matriculados no campus de Lugo este curso
A USC recibe este xoves cun acto de benvida aos estudantes estranxeiros que ampliarán a súa formación este curso en Compostela

Uns 40 universitarios mexicanos ampliarán este curso a súa formación nos distintos centros académicos do campus de Lugo, maioritariamente na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na Escola Politécnica Superior, tal e como se puxo este mércores de manifesto no transcurso do acto de benvida dos estudantes estranxeiros celebrado na Facultade de Humanidades de Lugo.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, foi o encargado de dar a benvida ao estudantes estranxeiros nun acto no que tamén encomendou aos mozos/as procedentes de 9 países europeos, así como de México, Argentina, Brasil e Chile, “converterse nos principais embaixadores de Lugo nos seus países de orixe”. García Herradón aproveitou este encontro cos estudantes foráneos para agradecerlles a súa decisión de ter elexido o campus de Lugo como destino universitario, ao tempo que lles trasladou o desexo de que gocen dunha estadía o máis proveitosa posible. A presentación das vantaxes propias que se asocian a un campus universitario pequeno e perfectamente integrado na cidade, así como da oferta de servizos culturais e deportivos que presta a Universidade de Santiago no seu campus de Lugo, foron outras das cuestións destacadas por García Herradón na súa intervención. A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, en calidade de anfitriona deste acto de benvida, e Anne Forryan, da Oficina de Relacións Exteriores da USC, tamén participaron nesta xornada de encontro cos estudantes estranxeiros chegados ao campus de Lugo, unha sede universitaria na que este ano tamén ten previsto aumentar a súa actividade a asociación Erasmus Student Network (ESN), un colectivo de estudantes da USC que organiza diversas actividades e presta servizos de axuda e asesoramento ao alumnado estranxeiro. De feito, dous compoñentes de ESN presentaron onte no campus de Lugo esta asociación, cuxos membros están a prestar servizos de acompañamento a os estranxeiros que veñen de chegar á capital luguesa. A procedencia dos estudantes estranxeiros que potenciarán este curso o carácter internacional do campus de Lugo é moi diversa, ao tempo que tamén é heteroxénea a distribución destes universitarios entre as distintas escolas e facultades. Aínda así, a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Humanidades, son os centros universitarios lugueses que contarán este curso cun maior número de matriculados estranxeiros. Respecto dos programas de intercambio aos que se acolleros os universitarios/as internacionais matriculados no campus de Lugo da USC, a maioría deles fixérono a través da existencia de convenios bilaterais entre a súa universidade de procedencia e a Universidade de Santiago. Asemade, o programa de intercambio Sócrates-Erasmus foi a vía elexida por preto doutros 40 estudantes europeos. Acto de benvida en Compostela A Vicerreitoría de Relacións Exteriores e Internacionalización organiza este xoves 5 un acto de benvida aos estudantes estranxeiros que se incorporan á USC este curso 2013-14. A recepción comezará coa intervención do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Victor Millet, ás 18.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia.

Logo desta benvida institucional o claustro da facultade converterase nun espazo informal no que en diversas mesas e postos as persoas responsables dos servizos da USC (Cultura, Deportes, Voluntariado, Centro de Linguas Modernas e Unixest), xunto coa Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela e coa colaboración de varias empresas privadas, exporán as súas iniciativas e actividades.

Isabel González Rey, Pedro García Herradón e Anne Forryan recibiron este mércores en Humanidades ao estudantado estranxeiro matriculado no campus de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.09.2013.