Ir o contido principal

48 graos e 78 másteres universitarios, a oferta da USC para o vindeiro curso

48 graos e 78 másteres universitarios, a oferta da USC para o vindeiro curso
48 graos e 78 másteres universitarios, a oferta da USC para o vindeiro curso

A USC ofertará o vindeiro curso 48 graos (33 en Santiago e 15 en Lugo), 78 másteres universitarios e dúas titulacións propias, estas últimas nos eidos da Criminoloxía e a Xestión Hostaleira, como explicou este xoves o reitor Juan Casares. Na presentación, acompañárono a xefa de servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, Josefa Recalde; o o xefe do servizo de Xestión Académica, Ramón García; e a directora da Oficina de Información Universitaria da USC, Maribel Braña. O período de matricula, que deberá realizarse por internet (www.usc.es/matricula), comezará con tres prazos en xullo para quen inicie estudos, o primeiro do 13 ao 17, seguido doutro entre o 20 e o 24 e un terceiro do 27 ao 31. En setembro haberá dous máis, entre o 4 e o 6 e do 11 ao 13. Finalmente, en outubro os prazos serán do 2 ao 4, do 17 ao 19 e o derradeiro do 24 ao día 26. Rematado este último abrirase outro para quen, sen ter entrado no grao desexado, poida matricularse nos que teñan vacantes. Quen continúe estudos dispón do 9 de xullo ao 7 de setembro. A pesar de que o decreto de taxas para 2012-2013 está pendente de aprobación, existe o compromiso de non aumentar as de primeira matrícula do pasado curso, que oscilaban entre os 9,85 e 13,93 euros por crédito nos graos e os 20,25 e 29,81 euros nos másteres. Oferta académica Concretamente a oferta de títulos para o Campus de Santiago ascende a 33 graos, todos con límite de prazas. Trátase de Administración e Dirección de Empresas (200 prazas), Bioloxía (150), Ciencia Política e da Administración (125), Comunicación Audiovisual (40), Dereito (180), Economía (150), Educación Social (75), Enfermaría (150), Enxeñaría Informática (60), Enxeñaría Química (60), Farmacia (200), Filoloxía Clásica (25), Filosofía (65), Física (100), Historia (100), Historia da Arte (80), Lingua e Literatura Españolas (50), Lingua e Literatura Galegas (50), Lingua e Literatura Inglesas (100), Linguas e Literaturas Modernas (75), Matemáticas (120), Medicina (380), Mestre en Educación Infantil mención Linguaxes Artísticas (80), Mestre en Educación Primaria –m encións en Educación Musical, Ensino e Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras e Educación e TIC– (140), Odontoloxía (40), Óptica e Optometría (60), Pedagoxía (75), Psicoloxía (150), Química (125), Relacións Laborais e Recursos Humanos (100), Traballo Social (90), Xeografía e Ordenación do Territorio (60) e Xornalismo (80). Destas, Medicina, Odontoloxía, Comunicación Audiovisual e Xornalismo veñen rexistrando nos pasados cursos as notas de corte máis altas do Sistema Universitario Galego. En Lugo, o futuro alumnado poderá elixir entre Administración e Dirección de Empresas (125), Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (35), Enfermaría (68), Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural (80), Enxeñaría Civil (50), Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias (80), Enxeñaría en Xeomática e Topografía (50), Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (80), Enxeñaría de Procesos Químicos e Industriais (80), Lingua e Literatura Españolas (25), Mestre en Educación Infantil mención Educación Sonora e Visual (90), Mestre en Educación Primaria –mencións Biblioteca Escolar, AICLE e Titoría e Xestión de Centros– (90), Nutrición Humana e Dietética (60), Relacións Laborais e Recursos Humanos (65) e Veterinaria (110). Másteres Universitarios Dos 78 másteres universitarios que oferta a USC (64 en Santiago e 14 en Lugo), 21 son interuniversitarios e seis de nova implantación, con docencia en inglés nalgún deles. En 2012-2013 comezarán os de Química teórica e modelización computacional; Estudos avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías; Marketing, consultoría e comunicación política; Avogacía; Procuraduría e Planificación e xestión do desenvolvemento territorial. A oferta engloba de maneira equilibrada as grandes ramas de coñecemento. Así, son 17 posgraos de Ciencias, 14 de Ciencias da Saúde, 26 en Ciencias Xurídico-Sociais, 10 en Enxeñarías e Arquitectura e 11 en Humanidades. Nos másteres sen límite a matrícula abarcará do 9 de xullo ao 7 de setembro, comezado tamén ese día o prazo para realizar a matrícula provisoria ou solicitude nos que teñen límite. O alumnado con estudos estranxeiros deberá solicitar a súa admisión do 9 ao 31 de xullo. Calendario As clases do primeiro semestre comezarán o 6 de setembro e rematarán o 21 de decembro de 2012; mentres que o segundo irá do 29 de xaneiro ao 13 de maio. Os exames desenvolveranse do 8 ao 25 de xaneiro e do 14 ao 31 de maio. A convocatoria de xullo será do 24 de xuño ao 11 de xullo. Mobilidade No curso que agora acaba cursaron estudos na USC 28.223 estudantes (23.032 en Santiago e 5.191 en Lugo), sendo maioritaria a presenza de mulleres (62,8%). Ademais, o 12% é de fóra de Galicia. O alumnado estranxeiro na USC, preto de 2.100, procede de máis de 80 países arredor de todo o mundo, maioritariamente de Europa, pero tamén con presenza dos cinco continentes, e máis concretamente de países como Angola, Australia, Kirguizistán, República de Corea, Bangladesh, Pakistán, Xapón ou Camerún. O países con maior número de estudantes na USC son Italia, Francia, Portugal, Brasil, México e Alemaña. Mellores expedientes

Máis do 60% dos mellores expedientes de Galicia nas probas de acceso á universidade en 2011 cursan estudos na USC, (211 dos 338 que obtiveron unha nota igual ou superior a 9). Na mesma liña, a USC foi unha vez máis a universidade galega con máis galardoados nos premios fin de carreira concedidos pola Xunta de Galicia correspondentes a 2011, recibindo 26 dos 60 premios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2012.