O 5% da poboación adulta en Galicia implicouse en actividades emprendedoras o pasado ano
A percepción de oportunidades e as vías de financiamento continúan a ser os factores clave á hora de dar comezo a novas iniciativas de negocio, segundo os datos recollidos no Informe GEM Galicia 2017 que se presentou este xoves na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.
O ano 2017 supuxo a consolidación do emprendemento en Galicia, cunha Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) que se sitúa no 5,06% fronte ao 3,99% de 2016. Son datos recollidos no informe executivo Global Entrepreneurship Monitor (GEM) configurado por un equipo de investigadores da USC froito dun convenio de colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE).
Durante a presentación do informe, a investigadora da USC e directora técnica do proxecto en Galicia, Isabel Neira, explicou que estes datos se traducen nunha “consolidación da actividade emprendedora que vén impulsada con novas xeracións, maioritariamente entre 25-44 anos e con maior formación tanto universitaria, como de modo crecente da FP”.
Neira fixo referencia a que este crecemento “foi liderado pola poboación universitaria (7,99%) e ten a súa base nas iniciativas que contan entre 3 e 42 meses de vida”. Unha positiva evolución tamén observada nas iniciativas consolidadas cunha taxa do 11,20%, a segunda máis elevada das comunidades españolas, e das cales o 12,39% son de carácter innovador.
O informe reflicte tamén o incremento da porcentaxe de mulleres emprendedoras entre a poboación galega (un 4,52% en 2017). Destaca especialmente o aumento do número de emprendedoras potenciais xunto co descenso da súa taxa de cesamento de actividades, menor que no caso dos homes (o 1,6% de mulleres abandonan as iniciativas fronte a un 2,1% de homes). Este factor, segundo explicou Neira, “contribúe a igualar a proporción de homes/mulleres nas iniciativas consolidadas, dado que no momento de dar o paso a crear iniciativas, factores como o temor ao fracaso frean as primeiras fases do proceso”.
O aproveitamento dunha oportunidade de negocio constitúese, no 60% dos casos, como a principal motivación para emprender, aínda lonxe do 80% que alcanzaba antes da crise económica. Pola contra, o financiamento é o principal problema para a posta en marcha de novos proxectos segundo o 37% dos expertos consultados, se ben este obstáculo foi perdendo importancia dende o 50% dos anos pos-crise. Este factor constitúe un importante elemento de abandono de iniciativas cando o capital é baixo; en concreto, nas de menos de 20.000 euros a taxa de abandono é do 46%.
GEM GEM é un observatorio internacional cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico como factor determinante para o desenvolvemento e o benestar das sociedades. Un proxecto liderado en España polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) ao que Galicia se sumou en 2005 cun equipo configurado por investigadores da USC, o IGAPE e a FEGAXE.