Ir o contido principal

Máis do 70 por cento do alumnado de novo ingreso da USC ten unha nota de ingreso igual ou superior a 7,5

Alumnado en clases do grao en Física
Alumnado en clases do grao en Física
Segundo datos do informe

Preto do 60% do alumnado de novo ingreso nas universidades galegas acceden ao ensino superior cunha nota igual ou maior a 7,5, se ben no caso específico da USC a porcentaxe ascende ata o 70,75% do novo alumnado. Ademais, Galicia é a comunidade autónoma que menos ten incrementado os prezos públicos das súas universidades no período comprendido entre 2008/2009 e 2016/2017. Non obstante, no contexto europeo, España segue a ter un dos niveis de prezos públicos universitarios máis elevados da Unión Europea. A radiografía que CRUE Universidades Españolas realiza deste sector educativo no seu informe La Universidad española en cifras 2015/2016 deixa estas afirmacións a partir de máis de 900.000 datos recollidos en máis de 200 cadros.

Produción científica
No caso concreto da USC, o informe identifica á universidade compostelá como a novena institución universitaria, tanto das públicas como privadas, con mellor produción científica, relevancia e produtividade para o período comprendido entre 2006 e 2015. Durante ese tempo, Web of Sciencie contabiliza 15.436 documentos e máis de 223.000 citas recibidas neses anos. Máis da metade da produción científica da institución compostelá nese tempo corresponde a publicacións en primeiros cuartil e a media da produtividade por docente ascende a 0,95. No terreo da produción científica, as universidades españolas “presentan uns resultados moi relevantes en relación co peso económico do noso país e o gasto en I+D+i que realiza”, sinala a CRUE.

Patentes
O informe tamén recolle unha “notable mellora nos comportamentos innovadores das nosas universidades que teñen multiplicado por tres as patentes nacionais realizadas dende hai dez anos”. Neste contexto, a USC atópase nos postos de cabeza das institucións con maios número de patentes rexistradas. Concretamente, Santiago de Compostela suma 204 patentes, seguindo a Politécnica de Valencia (225), Sevilla (298), Politécnica de Catalunya (329) e Politécnica de Madrid (343). Para a CRUE, esta situación non é unicamente imputables ás universidades xa que “inflúe nela de maneira determinante as características estruturais do noso tecido produtivo, cunha enorme proporción de empresas pequenas e mini empresas e tanto a estratexia como o comportamento competitivo das nosas compañías”.

Ingresos por investigación
Ao dato da produtividade científica por docente, o informe tamén engade os ingresos de investigación por profesor equivalente a tempo completo, coa USC na cuarta posición das universidades nas que o valor deste indicador foi superior á media das universidades públicas. Se en 2010 os ingresos por PDI a tempo completo ascendían a 21.789 euros, cinco anos despois ascendían a 27.485 euros, se ben existen numerosos exemplos de institucións cun balance negativo derivado da menor capacidade de captación de recursos de forma xeneralizada durante a crise. Por diante da USC situaríanse a Carlos III (31.399 euros), Politécnica de Valencia (36.083 euros) e a Pompeu Fabra (36.938 euros).

Bolsas
Segundo os datos recompilados, o resultado final da aplicación do novo réxime de bolsas universitarias é que “o esforzo público expresado en termos de PIB se reduciu nun 13,6%, pasando do 0,088% do PIB en 2011 ata o 0,076% en 2015, unha terceira parte do esforzo que realizan os países da OCDE”. En canto ao financiamento medio por bolseiro (2.649 euros), a CRUE constata o retroceso a niveis do curso académico 2006/2007, moi lonxe da cuantía de 3.256 euros por bolseiro que se rexistraba en 2012/2013.

Á definición desta radiografía tamén contribúen os datos achegados sobre a oferta de ensinanzas universitarias, “completamente asimilable á doutros países desenvolvidos” con universidades dun tamaño (número de alumnos por universidade) algo maior que o habitual nos países anglosaxóns e máis equiparable ao doutros países continentais europeos.

O informe
La Universidad española en cifras 2015/2016 é un informe editado por CRUE Universidades e elaborador por Juan Hernández Armenteros e José Antonio Pérez que presenta preto dun millón de datos facilitados pola maioría das universidades españolas, tanto públicas como privadas. Con este documento, ponse de manifesto “o compromiso das universidades coa transparencia institución e a rendición de contas e facilítase a comunicación do sistema universitario coa sociedade”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.10.2017.