Ir o contido principal

Máis de 700 especialistas danse cita no Congreso de Antropoloxía para buscar respostas ás crises actuais

O foro abordará os desafíos desta disciplina que estuda o ser humano de xeito integral. FOTO: Pixabay
O foro abordará os desafíos desta disciplina que estuda o ser humano de xeito integral. FOTO: Pixabay
Luzía Oca, Elena Freire Paz, Nieves Herrero e Guadalupe Jiménez Esquinas son as integrantes da USC no comité organizador deste foro que se desenvolve do 5 ao 8 de setembro
Santiago de Compostela

As tres universidades públicas galegas colaboran coa Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro), a Asociación de Antropoloxía do Estado Español (ASAEE), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro na organización da edición número dezaseis do Congreso de Antropoloxía. O foro desenvólvese do 5 ao 8 de setembro na cidade da Coruña e ten como obxectivo mostrar o traballo de especialistas neste campo e disciplinas afíns. Por parte da USC, interveñen no comité organizador Luzía Oca, Elena Freire Paz, Nieves Herrero e Guadalupe Jiménez Esquinas.

Este martes 5, ás 19.00 horas, ten lugar no Teatro Colón da Coruña o acto inaugural que contará coa conferencia plenaria, impartida por Rossana Reguillo Cruz, ‘Presentes baixo asedio: desafíos para a antropoloxía e o pensamento crítico’. Reguillo Cruz, doutora en Ciencias Sociais, con especialidade en Antropoloxía Social, é membro da Academia Mexicana das Ciencias e profesora emérita do Instituto Tecnolóxico e de Estudos Superiores de Occidente (ITESO).

“O evento, ao que asisten máis de 700 persoas, ten como obxectivo mostrar o traballo de especialistas en antropoloxía e disciplinas afíns. É tamén unha invitación a recalcular roteiros, debater sobre o que a antropoloxía pode achegar para abordar as crises polas que imos transitando como a pandemia da COVID-19, a emerxencia climática, a crise dos coidados, ou as crises identitarias, entre outras”, explican dende o comité organizador deste foro que se desenvolve baixo o lema ‘Non hai fronteiras?’.

Programa

Ao longo da semana, presentaranse 450 comunicacións, alén de desenvolverse diversas mesas plenarias, relatorios, presentacións de libros, ou unha mostra audiovisual de cinema etnográfico aberta á cidadanía. En total, mostraranse dez documentais con temáticas variadas, que van dende a música tradicional galega ás violacións dos dereitos humanos das persoas migrantes. O foro desenvolverase en diversos puntos da cidade e o programa completo pode consultarse nesta ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2023.