Un total de 71 especialistas da USC figuran entre o persoal científico máis citado do mundo
Un total de 71 investigadoras e investigadores da USC figuran na edición de 2024 do ránking Stanford, que inclúe a clasificación do persoal científico máis citado do mundo realizada a partir da base de datos do grupo Elsevier, matriz de revistas como The Lancet ou Cell ou da web de avaliación da actividade científica Scopus.
A evolución da USC marca unha tendencia sostida logo do incremento experimentado entre 2021 e 2023, xa que os datos publicados en 2021 identificaban na USC 39 persoas na clasificación, fronte a 71 incluídas nesta última versión. De 3.508 investigadoras e investigadores españois na clasificación, un 2,02% correspóndenlle á USC, fronte ao 1,73% que representaban en 2021.
Na listaxe considérase toda a carreira investigadora do persoal investigador (período 1996-2023) cunha perspectiva global, e compleméntase a clasificación coa táboa que recolle aquelas persoas incluídas entre o 2% das máis citadas polas súas publicacións actualizadas a finais do ano 2023. O persoal investigador máis destacado da USC no marco desta clasificación compóñeno Juan J Nieto, Felipe F. Casanueva, Andrés Baselga, María Jose Alonso, Juan C. Reboredo, Arturo López-Quintela, Nestor Armesto, Miguel López, Jesús F. Salgado e Jesús L. Romalde.
En canto ao perfil de xénero, as mulleres presentes na devandita listaxe representan un 27% do total do persoal científico da USC, un 0,9% máis que o ano anterior. A situación específica da USC é sensiblemente mellor, que no caso do Sistema Universitario de Galicia (SUG), pois a porcentaxe é dun 25%, un punto máis que na edición de 2023.
Os datos presentados foron obtidos da web Scopus a 1 de agosto de 2024 e ordénanse en función de diversos parámetros normalizados como, por exemplo, as citas, o índice ‘h’ de citas actualizado a finais de 2023, o índice ‘hm’ axustado por coautoría, ou citas de artigos en diferentes posicións de autoría; en todos os casos anteriores quedan excluídas as autocitas, que son contabilizadas no seu propio apartado. Esta é a sétima versión que se publica desta base de datos, na que o traballo do persoal científico é clasificado en 22 eidos e 174 subáreas. A clasificación está integrada por máis de 217.000 investigadoras e investigadores.
Para ter información específica dos traballos do persoal da USC citado neste ránking, así como do resto do persoal docente e investigador (PDI) da USC, pódese consultar en aberto o Portal de Investigación.