Ir o contido principal

Un 90% do alumnado internacional repetiría a súa experiencia na USC polo seu nivel académico e enfoque práctico na docencia de materias científicas

Imaxe do arquivo do Welcome Day celebrado o pasado mes de setembro
Imaxe do arquivo do Welcome Day celebrado o pasado mes de setembro
A Comisión Europea indica que o alumnado que participa en programas de mobilidade atopa emprego con maior facilidade e ten unha remuneración un 25% maior
Lugo, Santiago de Compostela

O nivel académico, o carácter práctico que presentan certas titulacións do eido científico e de Ciencias da Saúde, así como a posibilidade de aprender español, a segunda lingua máis falada do mundo, son algúns dos aspectos mellor valorados polo alumnado estranxeiro que recibe a USC. Este colectivo cualifica a súa experiencia na institución académica compostelá cunha nota de 9 sobre 10, segundo unha enquisa realizada polo Servizo de Relacións Exteriores para medir o índice de satisfacción deste colectivo.

“A atención que se presta ao alumnado foráneo fai que o seu grao de satisfacción sexa moi alto, xa que un 90% dos alumnos que recibimos sinalan que repetirían a experiencia”, indica Víctor Arce Vázquez, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC. Segundo este estudo, o alumnado internacional son grandes “embaixadores da nosa institución cando regresan ás súas universidades de orixe”, xa que case a metade dos que veñen nos vindeiros cursos decántanse pola USC en base á recomendación e á experiencia previa positiva doutros estudantes.

Esta valoración entronca co incremento experimentado pola USC estes últimos anos. A Universidade recibe cada ano máis de 1.100 estudantes internacionais entre o primeiro e segundo semestre do curso académico. A cifra deste ano presenta un incremento notable respecto cursos previos, xa que ao comezo do curso recibiu xa máis alumnado que en anos anteriores e ten máis convenios de mobilidade asinados, polo que a tendencia é crecente, tanto en alumnado saínte como entrante.

Empregabilidade
En 2017 a Comisión Europea publicou un informe sobre os beneficios da internacionalización nas universidades que poñía de manifesto as vantaxes directas para as persoas que participaban neste tipo de programas. Por unha banda, con respecto á inserción laboral constataba a nivel europeo e, sobre todo, tendo en conta as cifras actuais de paro xuvenil, que existe un 23% máis de inserción laboral no prazo de cinco anos. Este estudo constata tamén que un terzo do alumnado que participa en Erasmus+, ademais de atopar emprego con maior facilidade teñen unha remuneración un 25% maior.

Esta enquisa replicouse a nivel estatal polo Ministerio de Educación cruzando as cifras da Seguridade Social relacionando as titulacións universitarias e os datos de mobilidade internacional. No caso dalgunhas titulacións mesmo se superaba o 40% de inserción laboral nos primeiros cinco anos trala finalización dos estudos académicos.

Desenvolvemento dos `soft skills´ A Comisión Europea tamén detectou que o programa Erasmus+ ten unha incidencia directa no coñecemento doutras culturas. Neste senso, o 80% dos estudantes participantes afirma ter mellorado o seu coñecemento intercultural e o 93% indica valorar máis outras culturas.

Ademais da inserción laboral, a experiencia de vivir e estudar fóra incide nos denominados `soft skills´, que son outras competencias alén do ámbito académico que fomentan o pensamento crítico, a capacidade analítica e o traballo en equipo. Estas habilidades entroncan cos perfís de carácter transversal e versátil que buscan hoxe en día as empresas e que subliñan a importancia da capacidade de transformación e renovación.

Ventá única
Aínda que a mobilidade se segue asociando ao ámbito territorial de Europa e aos estudantes de grao, nos últimos dez anos a USC ampliou dunha forma substantiva e significativa as opcións para outros membros da comunidade universitaria como PAS e PDI, así como o elenco de países ofertados.

“A USC conta cun Centro de Benvida Internacional dende o 2017, que é un servizo de ventá única dende o que se proporciona asesoramento tanto en cuestións académicas, trámites e xestións, coma en temas de carácter práctico sobre a vida en Compostela que precisen”, sinala Arce. Ademais, para facilitar a integración do alumnado internacional, a USC concede unha subvención con carácter anual a unha asociación que asesora a este colectivo noutros asuntos como a procura de vivenda e presenta tamén un programa de actividades lúdicas para fomentar o coñecemento da cultura galega e a integración con estudantes doutros países e culturas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.