Ir o contido principal

Abel Lorenzo-Rodríguez e Gael Proupín gañan a novena edición do concurso literario Mazarelos de Filoloxía

Elias Feijo, esquerda, os premiados, Pilar Murias e Manuel Núñez Singala. FOTO: Santi Alvite
Elias Feijo, esquerda, os premiados, Pilar Murias e Manuel Núñez Singala. FOTO: Santi Alvite
Abel Lorenzo-Rodríguez co poemario 'Os sucesos' e Gael Uxío Proupín Cantelar co relato ‘Quen matou a González Vallés’ foron os gañadores 'ex aequo' da novena edición do Concurso literario Mazarelos, certame que convoca anualmente a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC
Santiago de Compostela

O acto de entrega dos premios desenvolveuse este luns no salón de actos da Facultade de Filoloxía, presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, quen estivo acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijo, e o responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. O evento incluíu a actuación musical de Mondra.

Gael Uxío Proupín Cantelar xa gañara a edición de 2022 do certame, co relato titulado ‘Pater familias’. En anteriores edicións obtiveron premios no certame autoras e autores que posteriormente continuaron a súa carreira creativa coa publicación de obras literarias, como é o caso de Arancha Nogueira, que obtivo o primeiro premio en 2017 e 2018 ou de Lois Alcaide, que obtivo o segundo en 2018.

O concurso naceu co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como para contribuír a descubrir potenciais figuras deste eido da cultura. O nome do certame lembra e homenaxea as raíces da Facultade, que estivo situada na praza de Mazarelos, e mesmo da Universidade e da propia Compostela.

 

A vicerreitora Pilar Murias saúda os autores premiados. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Murias saúda os autores premiados. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.11.2023.