Ir o contido principal

Aberta ata o 15 de marzo a matrícula no Curso de Formación Específica en Xestión patrimonial da Empresa Familiar

A formación tamén afondará nos métodos de valoración de empresas e na súa aplicación á valoración dunha empresa familiar. FOTO: https://empresafamiliargaliciacatedras.es/es/
A formación tamén afondará nos métodos de valoración de empresas e na súa aplicación á valoración dunha empresa familiar. FOTO: https://empresafamiliargaliciacatedras.es/es/
Esta formación impulsada dende a Cátedra de Empresa Familiar da USC, desenvolverase do 26 de marzo ao 30 de xullo
Santiago de Compostela

Coñecer as características das empresas familiares, as diferentes estruturas, os protocolos ou a xestión da sucesión na empresa son algunhas das metas que persegue o Curso de Formación Específica en Xestión patrimonial da Empresa Familiar que se desenvolverá do 26 de marzo ao 30 de xullo. Esta formación impulsada dende a Cátedra de Empresa Familiar da USC, ten aberto o prazo de matrícula ata o vindeiro 15 de marzo, a través de secretaría do curso, no enderezo catedra.empresafamiliar [at] usc.es (catedra[dot]empresafamiliar[at]usc[dot]es)

Saber deseñar unha estratexia financeira para a xestión do patrimonio das empresas familiares, coñecer as diferentes alternativas de investimento (renda fixa, variable, derivados, estruturados, commodities, criptoactivos, ou fondos de investimento, entre outros), ou saber deseñar unha carteira dado un determinado perfil de risco, son outros dos aspectos que compoñen o programa do curso.

A formación tamén afondará nos métodos de valoración de empresas e na súa aplicación á valoración dunha empresa familiar. Saber aplicar diferentes metodoloxías de valoración de empresas, como elaborar un informe de valoración, coñecer as particularidades da fiscalidade nas empresas familiares ou saber implementar un sistema de xestión de riscos na empresa familiar, son contidos que tamén integran o programa. Ao longo da docencia, farase unha análise teórica e práctica das cuestións de maior transcendencia e novidade no ámbito da xestión patrimonial da empresa familiar. O curso dotado de 6 ECTS contará con sesións en directo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2024.