Aberta ata o 16 de setembro a matrícula no primeiro dos tres módulos do curso de Habilidades comunicativas
A USC oferta un ano máis e a través do seu Servizo e Normalización Lingüística un curso de Habilidades comunicativas. Trátase dunha actividade formativa dividida en tres módulos que poden cursarse de xeito independente. Cada un dos módulos consta de 25 horas e será recoñecido con 1 ECTS por competencias transversais (lingua) para todas as titulacións. O curso, impartido por medio de teledocencia na plataforma corporativa Teams, terá lugar ao longo deste primeiro cuadrimestre do curso 2021-22 e está aberto a estudantes de calquera dos dous campus.
A redacción científica (módulo 1)
O primeiro dos módulos centrado na redacción científica aspira a mellorar a competencia escrita e diríxese, sobre todo, ás persoas que se atopan no proceso de redacción dun documento científico: artigo, traballo académico de curso, traballo de fin de grao, traballo de fin de máster, proxecto de fin de carreira ou tese de doutoramento. A matrícula permanecerá aberta do 9 ao 16 de setembro.
Falar en público (módulo 2)
A defensa oral dun traballo científico ou académico, a exposición dun relatorio nun congreso, a presentación dun proxecto perante unha administración ou unha empresa, son algúns dos eidos nos que pode ser útil o segundo dos módulos relativo a falar en público. Os estudantes da Universidade, ademais de contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos, tamén deben ter desenvolvidas as destrezas relacionadas coa comunicación oral. Neste sentido, “entendemos que na actualidade o mercado laboral esixe un alto dominio das capacidades de comunicación, e que estas son un elemento fundamental para enfrontarse ao ámbito formal e tamén laboral”, explican dende Normalización Lingüística da USC. A matrícula permanecerá aberta do 30 de setembro ao 7 de outubro.
Presentacións dixitais eficientes (módulo 3)
“As presentacións son cada vez unha ferramenta máis común na vida do alumnado universitario, pero por desgraza é frecuente ver pantallas que, nacidas para o apoio ao discurso oral, son atrancos para a transmisión do coñecemento”, explican os impulsores deste módulo 3 centrado nas presentacións dixitais eficientes. “Demasiado texto con letra moi pequena, cores que non se ven, ou transicións efectistas de máis, son algunhas das características de moitas das presentacións das aulas universitarias”, engaden. O módulo pretende que, nun mundo onde priman cada vez máis os recursos visuais, o alumnado universitario saiba onde están as bases para crear presentacións con calidade e para lograr o efecto desexado: transmitir mellor o coñecemento científico. A matrícula neste terceiro módulo permanecerá aberta do 28 de outubro ao 4 de novembro.