Ir o contido principal

Aberta ata o 2 de outubro a preinscrición no Programa Mentoring STEMbach

O apoio ao estudantado que estea cursando no seu instituto o Bacharelato STEMbach é un dos cometidos. Foto: Santi Alvite
O apoio ao estudantado que estea cursando no seu instituto o Bacharelato STEMbach é un dos cometidos. Foto: Santi Alvite
Recoñecida con créditos ECTS, diríxese ao estudantado con ese título de Bacharelato
Lugo, Santiago de Compostela

O estudantado de graos da USC que na súa etapa de Bacharelato cursase o STEMbach xa se pode preinscribir no Programa Mentoring STEMbach, unha actividade recoñecida con 1,5 créditos, ata un máximo de 6.

Quen obtivera ese título no instituto desde o curso 2019-2020 en adiante dispón ata o 2 de outubro para formalizar a solicitude a través da Secretaría Virtual, e do 6 ao 10 para a matrícula. As persoas solicitantes deberán remitir a stembach [at] usc.gal a certificación académica do centro onde se cursou o Bacharelato.

Baixo a coordinación do Programa A Ponte da USC, as actividades a desenvolver no programa consistirán principalmente no apoio o estudantado que estea cursando no seu instituto o Bacharelato STEMbach titorizado por algún docente do centro no que estea a realizar os seus estudos de grao. A participación nas xornadas de benvida da USC e a colaboración cos centros nas xornadas dos Encontros na Zona USC son outras das encomendas.

As persoas que se matriculen por vez primeira neste programa terán que facer un curso de formación de 4 sesións entre os días 23 e 30 de marzo na Facultade de Dereito (Campus Vida, Santiago de Compostela) e na Facultade de ADE (Campus de Lugo).

A avaliación positiva da realización das actividades do programa dará dereito ao recoñecemento de 1,5 créditos ECTS por curso académico nas titulacións de grao (ata un máximo de 6 créditos ECTS).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2025.